Galicia Confidencial – O cantar das Tanxugueiras

Tanxugueiras
Tanxugueiras

Xosé González Martínez

A polémica por mor da desacertada decisión do xurado do Benidorm Fest de non permitir que a proposta máis votada polo público chegase en primeiro posto ten raíces ben chantadas no mal que tolle o plurilingüísmo recoñecido pola Constitución. O que en Madrid denominan “a periferia española” encobre unha realidade ben distinta de pobos vizosos que reivindican o espazo recoñecido polo marco constitucional. En tempos do franquismo, a sociedade catalana manifestara o seu desacordo cando a Joan Manuel Serrat se lles impedíu cantar en catalán no festival de Eurovisión. Daquela a inmensa maioría da poboación galega non desaprobara aquel proceder, porque a cultura oficial española sempre contou entre nós con sectores da poboación aliada na submisión ao castelán. Agora a tornas están a cambiar. As Tanxugueiras son a expresión artística, sen complexos, que pide paso para estarmos presentes nun mundo pluricultural e diverso en pé de igualdade nun estado con varias linguas cooficiais.

A música non debe ter fronteiras. Da mesma maneira que Wagner, Rossini, Puccini, Bellini ou Verdi, conseguiron adeptos fóra dos seus paises en melómanos que descoñecían o alemán, francés ou italiano, linguas nas que se escribiron os libretos do acervo musical operístico, os ritmos galegos de Andrés do Barro e dos Tamara, por poñermos dous exemplos, fosen populares alén das nosas fronteiras.

Ás Tanxugueiras terán un futuro exitoso pola súa rexa personalidade baseada nunha exquisita sensibilidade de inequívoca galeguidade; porque o seu galeguismo é auténtico, de raíz, distintos doutros que se moven nos espazos da cultura galega.revestidos de falsas apariencias. A súa espontaneidade é a manifestación do amor que profesan pola nosa cultura e polo uso das diversas formas dialectais da lingua galega. Os rexistros da cromática fonética das súas voces singularízaas. Engádaselles a estes méritos o afán creativo que poñen no seu traballo crerativo, que ten como resultado un selo personalísimo na maneira de interpretaren unha parte representativa do noso patrimonio musical.

Botemos un aturuxo para celebrarmos o esforzo que están a facer estas mozas, demostrando que a nosa tradición musical ten futuro, ao tempo que proxección universal. O pensador galeguista Lois Peña Novo expresaba así ese desexo: “Deleitade o voso espírito na campía e sentiredes nacer forzas para a victoria; sentiredes o rexo balbordo da nova vida: a vida da Patria, que fai heroes a homes e mulleres e invencibles aos pobos”.

A práctica pedagóxica na construción dun modelo de Estado é fundamental. Así o entedeu sempre a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia cando propuxo aos concellos a iniciativa denominada Mil festas máis para a lingua galega.

Esta proposta normalizadora, secundada por moitos rexedores municipais, pretende galeguizar ao pé de sete mil festas que se organizan anualmente,ás que se destinaban máis de 10.000 millóns de pesetas, segundo declaracións feitas hai anos polo Sindicato Galego do Espectáculo. Daquela (e aínda hoxe), os máis deses cartos van destinados polas comisión de festas á contratación de centos de orquestras que marxinan a lingua galega dos seus repertorios.

No decálogo das Mil festas máis para a lingua galega incluíanse varios obxectivos; entre eles que unha porcentaxe significativa do repertorio se interpretasen en galego, facendo fincapé nas alocucións dirixidas ao públicos que se expresan maiormente en castelán. A pretensión era, e segue a ser, avivar a identidade cultural dos consumidores deses espazos festivos.

A iniciativa das Mil festas... escolle todos os anos un grupo musical que represente a xenuina galeguización musical, para exemplificar nel o modelo a seguir. No 2021 fixóselles unha entrevista ao grupo Tanxugueiras que en pouco meses alcanzou máis de 34.000 visualizacións (www.galeguizargalicia.gal), onde estas rapazas expresan o seu sentir, o orgullo que as leva a interpretar a súa música para achegarse á mocidade buscando un futuro para a súa expresión artística. Estas tres mulleres novas, fortes e empoderadas serán decisivas na tarefa incesante de recuperarmos a identidade cultural de Galicia. Agora só resta que os milleiros de adhesións recibidas na súa defensa se manifeste nun galeguismo cotiá.

Previous articleEl Progreso – O cantar das Tanxugueiras
Next articleGalicia Digital – Mellor nos iría