Con este lema estase a espallar polas redes sociais unha imaxinativa campaña de apoio aos produtos que se etiquetan en galego promovida polo Foro E. Peinadorno que se engloba a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e a Xunta de Galicia, nomeadamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística na procura dun maior número de consumidores para a variada oferta de produtos que se poden atopar no mercado, pero tamén para estimular ás empresas que aínda non incorporaron a lingua galega as súas marcas, incentivando a reflexionen sobre o valor estratético que esta decisión lles podería reportar.
“Eu consumo produtos galegos etiquetados en galego”, “Valoremos o noso con acento propio” e “Elaboramos produtos galegos con acento propio”, son os reclamos que van avalados por creativos gráficos do deseño e ilustración como Xosé Díaz, Héitor K-Rapucho e Vizoso. Tamén os humoristas gráficos abondo coñecidos polo gran público: Gogue, Xaquín Marín, Luis Dávila, David Pintor, Moncho Borrajo e Xosé Lois “Carrabouxo”, que publican todos os días as súas viñetas en distintos medios de comunicación, e nomeadamente Siro López, que colabora nesta campaña co entusiasmo que o caracteriza. María Manuela, Lucía Pérez e María do Ceo, recoñecidas voces da música galega, tamén achegan o seu apoio. O xornalista Xavier Fortes, outra figura mediática, pon a súa imaxe a esta campaña, o mesmo que a actriz e profesora Mariana Carballal. Completan a nómina empresarios que xa utilizan o noso idioma nas etiquetas e coñecidos cidadáns xeradores de opinión en cadanseu sector.
A campaña publicitaria inclúe publireportaxes nos representandes do sector agroalimentario falan das súas iniciativas empresariais, que se poden visionar en www.galeguizargalicia.gal. A plataforma que lles ofrece o Foro E. Peinador busca a construción dun novo discurso galeguista que se fundamente nun aserto común: o futuro da lingua galega estará asegurado na medida que esta estea presente na economía e singularmente na etiquetaxe e publicidade dos produtos que chegan acotío aos consumidores.
Un discurso galeguizador que ten precedentes na historia de Galicia, e que, sen embargo,os movementos políticos e sindicais non rescataron para adecualos aos tempos que vivimos. Efectivamente, no primeiro terzo do século pasado, Álvaro das Casas fundou a Unión de Colleiteiros do Ribeiro (UCRA). No seu manifesto fundacional dicíase: “Por onde vaiades convertédevos en propagandistas incansables e fervorosos dos nosos viños. Gabádeos en canto valen e recramádeos sempre…O viño é para nós a gloria e o pan. Unámonos para a súa defensa e a victoria traeranos, outra vegada, o pan e a gloria”. El predicaba co exemplo etiquetando, xa daquela, as botellas da súa adega no noso idioma.
O Partido Galeguista recollía no seu programa político prestar atención a produción autóctona para que se consumiran preferentemente produtos galegos. “O nacionalismo galego , afirmaban, quere construír unha patria. E unha patria para existir necesita contar cunha economía. Tena Galicia?. Tena, aínda que moitos galegos non o saiban. E aínda que economías alleas lle fagan a guerra coa complicidade dos propios galegos”. A Federación das Mocidade Galeguistas tamén levaba no seu programa a proclama: “Comprade produtos galegos e facede propaganda a prol dos mesmos”.
A indiferencia desas organización sociais actuais,que non lle prestan atención ao sector agroalimentario procurándolles consumidores, redúcelle os espazos de venta a ampla oferta de produtos galegos, que ademais de xeraren riqueza no país apostan pola lingua galega. Velaí a nai do año: a desidia dos galegos, dos partidos políticos, sindicatos obreiros e labregos, que non fan campañas de sensibilización entre os seu afiliados e sectores que lle son afíns.
Se queremos que Galicia sexa máis dona de seu, cunha economía propia que se exprese no noso idioma, consumide produtos galegos, preferentemente aqueles que as súas etiquetas falen en galego. Ben deitamos de termos un número cada vez maior de empresarios que cren nunha Galicia única.
Home Foro Enrique Peinador