Galicia Confidencial – En agosto, comer e beber do noso

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Cando convido aos amigos a xantar ou cear adoito poñer na mesa un espumante, un vermú e un viño etiquetados en galego. Para a sobremesa, queixo e licores, que tamén estean etiquetados na nosa lingua. Nese ambiente aproveito para poñer en práctica as miñas artes socráticas explicándolles a importancia que ten para a nosa economía e o futuro da nosa identidade cultural o consumo responsable. Entendo por tal, amosar preferenzas polos produtos do país e por aqueles que se expresan na nosa fala.
Pola contra, cando eu son o convidado, as máis das veces noto que os meus  anfitrións, aínda sendo persoas de concidición inequivocamente galeguista, non reparan na importancia dunha boa escolla para a mesa; actúan con natural desleixo. Daquela, tampouco perdo a oportunidade para convencelos da transcendental importancia do galeguismo culinario.

Ata o menos entendido en economía e políticas demográficas saben que Galicia vive mergullada nunha desfeita  por mor dos desequilibrios territoriais. Ese coñecemento empírico vén dado polo contacto directo  que todos temos coas nosas aldeas e pobos que están a sufrir unha desertización  incesante coa sangría de enxurradas migratorias cara as cidades e vilas máis importantes de Galicia. Nelas concéntrase o 75% da poboación; todo o contrario do que acontecía nos anos setenta no que só o 25% poboación vivía nas cidades. Como se pode explicar que en catro décadas o rural galego chegase a tal estado de abandono? A literatura económica infórmanos con detalle das causas, que son múltiples; pero unha, a fundamenta, é que os gobernos desentendéronse por razóns que tamén son coñecidas, de aplicar unha acertada planificación estrutural para aproveitar os recursos naturais e facer habitable o rural.
Mais cómpre que nesta desfeita participan por omisión  outros axentes sociais e políticos que descoidan o artellamento de estratexias que poñan en pé a solidariedade da Galicia atlántica coa do interior. Sen ela non pode haber cohesión social, fundamento básico para o desenvolvemento económico.

O Foro E. Peinador e a Irmandade  Galega de Agroalimentarios e Adegueiros veñen  promovendo todos os anos , coincidindo coas festas do nadal e as do verán, senllas campañas publicitarias para chamar o exercicio  colectivo desa  solidariedade necesaria coas nosas empresas de transformación agroalimentarias.

Cómpre que neste mes de agosto os xantares familiares e os encontros culinarios cos amigos servan para modificarmos os hábitos de consumo. Non facelo así é guindar pedras no noso tellado. Canto máis potente sexa o sector agroalimentario, máis posibilidade teremos que crearmos riqueza propia e fixar poboación no rural, que é, ademais, a que mantén vivo o noso patrimonio cultural e lingüístico tan esluídos en vilas e cidades.

Por esta razón apelamos á conciencia dos galegos para que modiquen os seus hábitos de consumo e prefiran os nosos produtos, e dentro deles aos que se etiquetan no noso idioma. Etiquetados en galegos temos bos viños, licores, cervexas, vermús, xenebras, espumantes, leite, iogures, queixos, carnes, embutidos, mel, requeixón, conservas vexetais e de peixe (estas aínda poucas), chocolates, galletas, ovos, aceite, vinagres, xelados, fabas, fariña, pìzzas… Produtos todos eles elaborados por empresas radicadas no rural. E habería máis se os consumidores quixesen. Porque o seu pode é de tal magnitude que son quen de regularen a oferta e a demanda.

Non desaproveitemos estes meses de verán para constituírmonos en escola aberta de galeguismo gastronómico e apoiarmos aquilo que é noso, a economía e a lingua. O maxisterio lúdico arredor dunha mesa pode ser moi útil.

Deixar comentario

Please enter your comment!
Please enter your name here