Galicia Confidencial – As eurocidades, os cidadáns e as linguas

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Eu, que acredito no prodixio da intelixencia dos animais para relacionárense cos humanos, nunca pensei que un loro chegase ao punto de ter coñecemento sociolingüísticos.
Ravachol, que así se chamaba o loro que tiña na botica pontevedresa o acreditado folclorista Perfecto Feijoo, adoitaba acertar nos seus anuncios da chegada de posibles mediciñatarios: Perfecto, parroquia !(os que falaban galego). Perfecto, xente! (os señoritos que falaban castelán ). É posible que Ravachol os distinguise tamén polas formas de vestiren, porque as diferenzas eran evidentes; mesmo para iso tiña aguzada intelixencia.  Mais o que nos importa da histórica anécdota é que o loro sabía distinguir o galego do castelán.

Adoito visitar todas as semanas o norte de Portugal desde hai moitísimos anos, desde que as autoridades gobernativas tiveron a ben concederme o pasaporte. Observei sempre con moita atención os comportamentos lingüísticos dos galegos en restaurantes e comercios. Dunhas décadas para acó -antes non- os máis deles diríxense aos empregados deses establecementos pedíndolles que lles falen en castelán, como se os portugueses tivesen a obriga de facelo. A prepotencia  e desprezo é de tal natureza  que en máis dunha ocasión sentíndome incómodo  e mesmo avergonzado, téñome dirixido ao patrón ou patroa do negocio para suxerirlles que non deberan tolerar tal grao de insolencia provocadas por xentes que pensan que “ancha es Castilla”. Se en cada establecemento houbese un Ravachol, seguro que os distinguirían nada máis entrar.

O comportamento deste galegos non é o mesmo cando visitan Londres ou París. Pola contra, despois de faceren unha visita de fin de semana a calquera desas cidades, volven fachendosos por teren aprendido vinte ou vintecinco palabras de inglés ou francés. Sen embargo, cando visitan calquera das vilas do norte de Portugal non poñen  o mesmo empeño na aprendizaxe desa lingua coa que ademais compartimos unha porcentaxe elevadísima de léxico que nos é común. Pola contra, coa súa teimosía insolencia queren que os cidadáns dun pais con soberanía lles falen nun idioma alleo.

O fracaso das estratexias transfronteirizas con discursos enxoitos coma é  o caso do Eixo Atlántico ou  o da desaparecida Comisión de Traballo Galicia-Norte de Portugal, obviando as potencialidades das linguas galego e portuguesa, manifestan unha falta de visión política dos dirixentes políticos  que dirixen esas entidades. A creación da eurorexión habitada por máis de sete millóns de cidadáns non pode ignorar a realidade lingüística que nos une.

Os pobos fronteirizos desde tempos inmemoriais foron sempre quen de trenzaren unha relación de veciñanza baseada nunha ósmose cultural e lingüística, partillando un patrimonio común, que hoxe exprésase a través das eurocidades incardinando concellos dunha lado e outro da fronteira nun entramado xurídico-administrativo. Os cidadáns destas entidades territoriais fronteirizas conviven con cadanseu código lingüístico con total naturalidade, sen renunciaren ás propias identidades, entendéndose perfectamente. Os seus exemplos deberían serlles útiles a outros concellos máis afastados da raia para modelaren os hábitos e condutas culturais dos seus respectivos cidadáns, que adoitan pasar a fronteira con insconscientes prácticas colonizadoras. Ao carón destes está un sector minoritario de galeguistas que renuncian a falar o noso idioma cun pretendido portugués con expresións ridículas que aos receptores lles molestan; todo por mor dunha  solidariedade mal exercida.

O Foro E. Peinador tenlles manifestado aos concellos galegos das eurocidades  cando houbo ocasións para facelo, a oportunidade de colocaren en estradas e autovias transfronteirizas grandes paneis publicitarios con intencións pedagóxicas, para que poidan ser lidos sen dificultades con textos semellantes a este:

Benvidos á Eurocidade Tui-Valença do Minho

Entra vostede nun territorio  de dous pobos cunha historia e proxecto de futuro comúns, partillando identidades e convivencia no mútuo respeto.
Falemos a lingua que nos une.

Esta proposta válida para as demais eurocidades debería ser permanente no tempo,  e para iso sería oportuno e conveniente reforzala cunha estreita colaboración dos medios audiovisuais públicos para estimular o coñecemento recíproco de nós, galegos e portugueses, desde o rio Douro a Ribadeo, o espazo  da Eurorrexión.

Deixar comentario

Please enter your comment!
Please enter your name here