Adega Terras de Bendaña e Adegas Celme recibiron os premios Bacelos de Prata na XIV edición destes galardóns que promocionan a etiquetaxe e a defensa da lingua galega.
Adega Terras de Bendaña, de Sobrado – San Pedro de Lincora (Lugo) da denominación de orixe Ribeira Sacra é unha adega pioneira en Galicia na utilización da lingua galega na etiquetaxe do seu viño Terras de Bendaña, feito coas variedades propias do territorio. “É de destacar o traballo realizado desde hai máis de 20 anos polos propietarios na promoción e recuperación da etnografía da zona coa creación do Centro Etnográfico Ribeirao promovendo unha homenaxe as paraxes da ribeira chantadina”, indica o xurado dos premios nun comunicado.
Adegas Celme, de Astariz-Castrelo de Miño (Ourense) da denominación de orixe Ribeiro, aposta pola recuperación do agro como forma de vida, producindo viños en ecolóxico elaborados con castes autóctonas: Sousón, Brancellao, Treixadura, Godello, Albariño, etc… Os seus caldos brancos, Celme de Pena Bicada e Celme Garabito, e o tinto Celme do Souto e o vermú Celmú están etiquetados exclusivamente en lingua galega como sinal de iidentidade e garantia dunha maneira de facer que promove unha recuperación respectuosa co territorio e o medio ambiente e achegando ao mercado produtos de alta calidade.