Galicia Confidencial – A participación e creatividade nas festas populares

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Comentabamos días pasados o alcance da aplicación do principio da discriminación positiva na programación musical da radiodufisión española en 1969. Aquela Orde ministerial pretendía limitar as emisións masivas de música anglosaxona, protexendo a música lixeira cantada en castelán, incluíndo tamén tamén as que denominaban “linguas rexionais”.
Este principio xurídico da discriminación positiva recoñecido polo noso ordenamento xurídico e xurisprudencia tamén ten sede no dereito comunitario. Xa que logo, é de obrigado acatamento tal doutrina polas institucións públicas. A súa incorporación aos  regulamentos e ordenanzas municipais é a garantía da igualdade  real de oportunidades para a lingua galega nas probas de acceso á función pública e nas convocatorias para a adxudicación de servizos públicos.

Grazas á comentada Orde ministerial de 1969 a lingua galega  acadara unha importante presenza na música lixeira daqueles tempos. Cómpre lembrar como algunhas cancións interpretadas por Andrés do Barro, Juan Pardo, Los Tamara, Bernardo Xosé, Amancio Prada, o grupo instrumental Los Relámpagos que popularizaron a Alborada de Veiga… traspasaron as nosas fronteiras  xeográficas a través das ondas radiofónicas, chegando a espazos inéditos do lecer. Tanto Julio Iglesias como María Ostiz,iso si, con certo desleixo lingüístico, colocaron algúns dos seus temas nos grandes éxitos  de audiencia e vendas na discografía do momento.

Nos espazos musicais da TVE – a única que había – eran frecuentes as actuacións dos  mencionados cantautores e  dalgúns estranxeiros cantando no noso idioma. O impacto que tiveron estas actuacións nos medios audiovisuais foron considerables. Afectaran tanto á autoestima dos galegos, que  os centros galegos esparexidos por Europa e América incorporaran a estes coñecidos artistas nas  ás súas programacións festeiras.

O espazo radiofónico semanal, “Pandeirada”,  emitido en lingua galega por Radio España que dirixía Manuel Torre Iglesias, contribuíu a  poñer de moda  a música lixeira cantada en galego en todo o territorio peninsular e que o noso idioma fose aceptado polos radiouvintes.

Os grupos folclóricos, que  resistiran grazas aos esforzos de agrupacións heróicas como Cantigas e Agarimos, Toxos e Flores, Coral de Ruada… e algúns quintetos de música tradicional, que fuxiran da nefasta tutela da Sección Femenina e da “Organización de Eduación  y Descanso” vencellada ao Sindical Vertical do réxime franquista, que maltrataton todo o que puideron o noso cancioneiro popular, volveron rexurdir con grande pulo.

Contemporáneo foi tamén o Ballet Rey de Viana, que comparteu escenarios internacionais coas afamadas compañía de Igor Moiséyev, Alicia Alonso  e o Ballet Nacional de España, entre outros. Os que por idade puidemos asistir á programación de verán do auditorio  o aire libre de Castrelos, o máis grade de Galicia,  comprobamos como os vintecinco ou trinta mil espectadores vibraban coa música e coreografías de Rey de Viana, que un bo día unha conselleira de cultura nacionalista da Xunta de Galicia, sen explicar as razóns, acordou disolver tal ballet, poñendo cabo a unha concreción dunha vella arela das Irmandades da Fala.

Falabamos na anterior colaboración  da campaña de dinamización lingüística  que baixo o rubro de Mil Festas Máis para a Lingua Galega vén promovendo a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, para que as comisións de festas municipais e parroquiais incorporen aos seus programas a contratación de grupos musicais que interpreten música lixeira e culta en galego. Está máis que comprobado que a programación de grupos de música tradicional, moi do gusto da xente, garante o éxito coa asistencia masiva de público. Consideramos que é  tamén moi oportuna a participación de grupos teatrais, asi como a posta en valor do patrimonio material e inmaterial do espazo territorial correspondente.

Hai que cambiar a mentalidade dos programadores das festas populares; para iso os concellos deberían organizar  seminarios dirixidos ás comisións organizadoras, ofrecéndolles modelos de programas ao tempo que avezalos nunha mellor xestión dos recursos económicos  coa colaboración de antropólogos, etnógrafos e historiadores, para conseguirmos unhas festas máis  creativas,  participativas e galeguizadas.

En tempos de grandes mudanzas, como os  que estamos a vivir, é imprescindible botar man do coñecemento e  da imaxinación para podelos afrontar.

Previous articleO alumnado de Dereito non sabe da gran tradición xurídica en galego
Next articleGalicia Confidencial – Eu, ti, el… Todos nós podemos galeguizar