Galicia Confidencial – 65 aniversario do primeiro congreso da emigración galega

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

En 1956 celebrouse en Buenos Aires o Primeiro Congreso da Emigración Galega. Un feito sen precedentes na historia da diáspora. Durante os días 24 ao 31 de Xullo acudiron á capital bonaerense moitísimos representantes das entidades societarias de Cuba e continente americano.
As actas publicadas son reveladoras da importancia que tivo a celebración daquel congreso. A iniciativa fora promovida polo Consello de Galiza facéndoa coincidir co centenario doutro feito senlleiro, o Banquete de Conxo.

As personalidades máis cualificadas da intelectualidade que vivía alén mar, xa sexa por mor da emigración ou polo exilio, tiveron a súas participacións con cadanseu relatorio que aínda hoxe, algunhas delas, malia teren transcorridos sesenta e cinco anos, seguen a ter vixencia.  Naquelas xuntanzas patrióticas debatéronse proposta de variadas intencións.

Cómpre salientar que as tervencións do congreso, tanto faladas como os traballos escritos, fixéronse integramente en galego, con absoluta normalidade. Foi outra nota optimista de galeguidade, “xa que o seu uso ten que ser condición principal e esencial de todo labor tendente a reerguer a personalidade total de Galicia, como comunidade diferenciada e nación no mundo dos pobos ibéricos”. Concluíron  os debates dalgunhas comisións solicitando a expresión, oral ou escrita, en idioma galega, tanto na orde particular como oficial. De aí que tamén se evidenciase o grave deterioro da nosa identidade ao sinalar que os prexuízos que as clases sociais ascendentes, nomeadamente o empresariado, practican marxinan a lingua galega dos seus seus usos no ámbito económico.

A emigración como un fatídica desgraza que tiveron que aturar milleiros de galegos e galegas abocados a buscaren en paises ben lonxanos do noso un modo de vida de mellor calidade contribuíu ao despoboamento do país. E non,precisamente porque Galicia fose pobre, porque tiña abondos recursos.Tiña e ten unha capacidade de riqueza natural “para que os seus fillos vivan felices na súa Terra, e non emigrados na ronseira dos ventos, ou desterrados no seu  propio chan”, denunciaba Luís Soto, asentado en México onde desenvolveu unha transcental actividade, mantendo vivos os  sinais de identidade e activas as reivindicacións do exilio.Todas e cada unha das intervencións dos persoeiros aludidos, representativos da cultura, do espírito e do esforzo galego, espallados polo mundo, constituíron unha grande e lediciosa revelación, pola súa valía intelectual e pola insobornable fidelidade.

Co gallego do 65º aniversario do Primeiro Congreso da Emigración Galega, o Foro E. Peinador, Secretaría Xeral de Política Lingüística  e outras institucións públicas promoverán unha homenaxe a todos aqueles que nos precederon alén mar  na defensa da causa da galeguidade. Recuperar hoxe o espírito das súas conclusións é un obriga histórica. Por esta razón as institucións aludidas promoverán a declaración “Galicia Adiante”, rendendo homenaxe aos que convocacion e organizaron aquel Congreso da Emigración, ás entidades societarias que participaron  nel. Recoñecemento e admiración que se fara extensible aos intelectuais que quixeron para Galicia unha transformación social, económica e cultural coa radical defensa do uso da nosa lingua.

Propónse  recuperar o espírito  das súas conclusións,  facendo un chamamento á sociedade galega, para que a apoie e se sume ao proceso galeguizador xa iniciado polas institucións e administracións públicas. Trenzando así todas as iniciativas senlleiras que se foron producindo ao longo da historia lonxe da nosa Terra; iniciativas protagonizadas por aqueles que endexamais renunciaron a ella. A cidadanía galega actual non debe ignorar aos que mantiveron en pé os nosos sinais de identidade e reivindicaron con teimsía perante as instancias internacionais o estado calamitoso no que se atopan os seus compatriotas, baixo a bota aterradora da ignominiosa ditadura.

Previous articlePremios da Cultura Galega 2020
Next articleFaro de Vigo – Conmemóranse os 350 anos do “Entremés famoso sobre a pesca do río Miño”