O Foro Enrique Peinador é unha entidade xurídica privada, sen ánimo de lucro, que xorde nun intre de especial relevo no acontecer histórico de Galicia co obxectivo de incentivar o diálogo entre a economía e a galeguidade e coordinar o ideario e as exitosas experiencias que se levaron a cabo na nosa terra e naqueloutros territorios onde os actores económicos desenvolveron o seu pulo empresarial.
Na actualidade, como continuidade do esforzo teimudo que a sociedade galega veu desenvolvendo a prol da pervivencia dos nosos signos e valores identitarios e da vontade de constituírmonos nun país con personalidade propia no contexto dos pobos do mundo que afirman o seu dereito á diferenza, consideramos relevante que desde o mundo empresarial se faga o esforzo por conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso que reforcen a súa presenza en sectores estratéxicos determinantes para o éxito social e económico.
Con esta perspectiva, o Foro Peinador engloba a un conxunto plural de empresas que participan da afirmación de Galicia como país cunha singularidade propia e que consideran necesario o reforzamento da lingua galega como alicerce da identidade propia.
Con estes criterios o Foro Peinador traballa en distintos sectores:
•Co empresariado galego, na súa maior diversificación posible, incentivando o valor da galeguidade como un factor positivo de mercado.
•Coas administracións públicas, no seu papel de creadores de políticas e como axentes financiadores de propostas e promotores/executores de iniciativas da sociedade civil.
•Coa sociedade civil, a través de colectivos organizados, asociacións, sindicatos, etc…
•Coa comunidade universitaria e centros de investigación, como favorecedores da relación i+d incluíndolle o G, de galeguidade.
Os obxectivos que pretende o Foro Peinador son os seguintes:
1.Dinamizar o uso da lingua galega en todos os niveis da empresa, comezando polos cadros de dirección.
2.A utilización do galego como lingua vehícular de traballo e das comunicacións internas da empresa.
3.O recoñecemento dos dereitos lingüísticos dos traballadores/as, dos usuarios e consumidores/as, fomentando o uso do galego nos convenios colectivos.
4.O uso do galego nos documentos de traballo.
5.A dispoñibilidade de produtos informáticos e o uso do galego nos sistemas.
6.O uso do galego na rotulación interna da empresa.
7.O uso do galego na etiquetaxe comercial e na publicidade dos produtos.