
Cando en 1922 o poeta Ramón Cabanillas tivo a feliz idea de editar unha publicación que tiña por nome Roladas, en Galicia non houbera antecedentes dun proxecto galeguizador semellante de renovación pedagóxica. Na altura, o noso país tiña unha taxa de analfabetismo que afectaba a máis do 70% da poboación. As Roladas (Folla dos rapaciños galegos) declaraba no seu primeiro número que tiña a pretensión de crear grupos «de rapaciños irmandados, que traballarían con todo o amor e vontade en recoller notiñas e apuntes sóbor da toponímia e o folklore de Galicia, e, en xeral, no que teña intrés e relación coa cultura galega».
A proposta de Cabanillas fora acollida con moito entusiasmo por Enrique Peinador Lines, propietario da embotelladora de auga e balneario de Mondariz. Algúns do seus empregados eran da parroquia de San Cibrán de Mouriscados, circunstancia que aproveitou para propoñerlles que os seus fillos formasen parte da primeira «rolada». Foi na procura do mestre da escola, o Sr. Couñago (deduzo que era da parroquia redondelán de Reboreda, porque este apelido está moi enraizado nela) para botar a andar aquela proposta pedagóxica do poeta cambadés. A primeira rolada quedou constituída por Clemencia Rodríguez Val, e os seus compañeiros de aula Benito Francisco Outerelo, Xosé Rodríguez Figueiredo e Xosé Francisco Vázquez. Con estes antecedentes debemos reconstruír o alcance que puido ter aquela proposta galeguizadora. A anécdota pedagóxica figura xa desde hai tempo nos anais da historia de Galicia. Moito temos falado deste asunto con Xoán Carlos «Calis» Montes Bugarín, o exalcalde de Mondariz.
Grazas a súa mediación o próximo domingo, día 23, ás 11.00 horas, celebraremos na igrexa parroquial un acto de restauración da memoria lingüística da iniciativa «En galego, agora e sempre». A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística coas inestimables colaboracións da Comunidade de Montes de Mouriscados, Asociación Cultural Cancarela e do párroco, aseguran o éxito da convocatoria. Descubrirase unha placa de homenaxe a todos os veciños e veciñas que dormen o sono eterno naquel cemiterio «porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu». Unha evocadora mensaxe que procura espertar nos veciños o interese pola restauración das memorias das persoas falecidas quedando reflectidas nas lápidas en lingua galega, idioma no que se expresaron en vida, facéndoas así máis recoñecibles e próximas.
Temos constancia de que Clemencia e os seus compañeiros non teñen as lápidas mortuorias en galego. O ideal sería que as familias, coas colaboracións das entidades veciñais e o Concello, axudasen a restauraren as súas memorias, escribindo acaídos epitafios na lingua na que se expresaron ata o día do seu pasamento, seguindo o exemplo realizado no cemiterio de Mondariz-Balneario onde foron reemprazadas as laudas mortuorias dos Peinador, pai e fillo.
Queda aquí expresada a promesa de realizarmos nos próximos meses unha homenaxe a aquela «rolada» da escola de San Cibrán de Mouriscados.















