Faro de Vigo – Premio Blanco Amor

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

O día 1 de decembro de 1979 falecía en Vigo Eduardo Blanco Amor, a quen coñecín moito nas tertulias duns poucos na Fundación Penzol. Poucos meses antes eu gañara as oposicións ao concello de Redondela e compartía mesa coa compañeira Carme Pérez Vaquero, mentres non amañaban o despacho que ocupei como responsable das políticas culturais e lingüísticas, oportunidade que aproveitei para forxarmos unha sólida amizade e introducila no galeguismo; pasados os anos habíase converter no que hoxe é: unha activa dinamizadora do Colectivo Galeguizar Galicia.

O alcalde de Ourense provocara un escándalo tremendo por impedir que se instalase no salón de plenos a capela ardente de Blanco-Amor. Tal aldraxe había que reparalo dalgunha maneira, pensaba eu, e así foi como se me ocorreu crear o Premio de Novela Longa co nome do egrexio escritor ourensán, a primeira iniciativa cultural mancomunada na historia de Galicia.
Adheríronse á proposta corenta concellos, que foron rotando por sorteo para faceren as sucesivas convocatorias. Con estas características o modelo de organización foi especialmente orixinal naqueles anos. Tamén foi o premio literario de maior dotación económica, superior ao que convocara anos antes o Centro Galego de Buenos Aires, gañándoo Xohana Torre con “Adiós, María”. Por certo, aquela decisión do xurado molestáralle moitísimo a Blanco-Amor, que tamén concorrera á convocatoria con “Xente ao lonxe”. O seu descarte fora por motivos ben cativos.

O primeiro gañador da primeira edición do premio en 1981 fora Daniel Cortezón con “A vila sulagada”. O xurado estivera composto por Francisco Fernández del Riego, Basilio Losada, Antón Santamarina, Benito Varela Jácome e Camiño Noia. O acto oficial de entrega do premio celebrouse nunha cea multitudinaria no restaurante “Pájaro Pinto” de Redondela á que acudiran os corenta alcaldes dos concellos que financiaban o premio, o recén elixido presidente da Xunta de Galicia Gerardo Fernández Albor, presidente da Real Academia, e outras autoridades institucionais do país.

O Concello de Redondela editara para a ocasión un libro titulado “Homenaxe a Blanco Amor” con ilustracións do pintor Alfonso Sucasas. A publicación recolle colaboracións de Xosé María Álvarez Blázquez, Luís Álvarez Pousa, Valentín Arias, Tucho Calvo, Carlos Casares, Alfredo Conde, Camilo Gonsar, Salvador Lorenzana, Gustavo Luca de Tena, Luís Mariño, Paco Martín, Xosé L. Méndez Ferrín, María Camiño Noia Campos, Claudio Rodríguez Fer, Antón Tovar e Fiz Vergara Vilariño, que colaboraba cunha elexía poética.

Asumín a responsabilidade da escolla dos membros do xurado, e dos colaboradores do libro por considerar que naquela altura eran as persoas máis receptivas para o libro de homenaxe.
Daquel ano gardo o deseño do mataselos que Correos puxera en circulación na oficina de Vigo coa efixie de Blanco Amor, e un papel manuscrito coas contías económicas destinadas á organización dos actos culturais durante unha semana para facer copartícipes á comunidade escolar e pobo de Redondela. Celebrouse no pavillón dos deportes da vila un macro festival musical coa participación de Milladoiro, Saraibas, A Roda, Froito Novo, Bibiano e as cantantes Pilocha e María Manuela. Todos eles participaron desinteresadamente. Os presentadores foron os xornalistas Xerardo Rodríguez e Cecilia Fernández.

Pasados os anos, co gallo da XLI edición do premio, síntome orgulloso de ter creado unha proposta cultural cun percorrido tan longo no tempo. Hoxe hai máis de cento cincuenta premios literarios nun contexto no que a literatura non é a solución para os problemas que ten a tarefa de normalizar a lingua galega. Hai outros eidos máis decisivos para o futuro do noso idioma que están fóra dos marcos do sistema literario galego e da súa industria editorial mergullada nunha crise irreversible.

O premio Blanco-Amor perdeu o carácter municipalista e convócao a Deputación Provincial de Ourense. Saúde para o premio e para a obra premiada, “A inmoral doutora” de Roberto Fernández Álvarez, médico integrado na Irmandade da Sanidade Galega, entidade que lle abre á lingua galega novos espazos de uso.

Previous articleFaro de Vigo – Diante da cova de Manuel Murguía
Next articleLa Voz de Galicia – A defensa do galego, tarefa de todos