Faro de Vigo – Pepe Velo e a desinformación

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Moito se está a falar estes días sobre a recuperación da figura histórica de Pepe Velo (cincuenta anos do seu pasamento) cando a súa memoria foi rescatada durante moitas décadas. Vaiamos por partes para explicar o fitos realizados desde o ano 1984 para recuperar a figura de Xosé Velo Mosquera.
1º) No ano 1984 o Faro de Vigo dedicou un “Suplemento Cultural” monográfico á figura de Pepe Velo, coordinado por este servidor e con documentación inédita que me enviara o seu fillo Víctor Velo. Reproducíronse textos e poemas que agora deliberadamente se califican de inéditos, pero que non é asi. A partir de entón seguín escribindo moitas colaboracións sobre a súa figura histórica.
2º) Con este material inédito quixen escribir a biografía dalguén a quen admiraba desde neno polos relatos do meu pai, que fora amigo e colaborador seu na clandestinidade. Con aquela documentación pretendín escribir a súa biografía, como así llo prometera ao seu fillo,Víctor. Pero decidín enviarlla a Antón Piñeiro para que a escribise. O resultado do traballo que realizou foi extraordinario: amplo e ben documentado, publicado por Edicións Xerais.

3º) Varios anos despois daquel episodio histórico que conmovera ao mundo,Luís Noia, que fora alumno de Pepe Velo no Colexio Orto de Caracas, reunínunos a un grupiño de socios da Asociación Cultura de Vigo para que visionaramos unha pequena película que gravara a bordo do “Santa María”, trasatlántico secuestrado polo DRILL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación), cando viaxaba de volta a Vigo. Cun tomavistas gravara secuencias das negociacións no camarote do capitán do buque co comandante militar da Sexta Frota Americana.
4º) Chegado a Galicia en 1982 Alexandre Cribeiro para dirixir o Centro Rexional de TVE, faleille da posibilidade de facermos un programa sobre o secuestro do “Santa María” . Descoñecía que existise unha filmación aínda que fose de mala calidade. Solicitou dos servizos técnico de TVE en Madrid para restaurar o pouco aproveitable da fita. Conseguido o obxectivo programouse a súa proxección cunha entrevista que lle fixen a Luís Noia de media hora de duración, nada mal para entón.

5º) Anos despois, púxenme en contacto con Manolo Guede, director do Centro Dramático Galego na altura, para mirar de facer unha produción teatral sobre o secuestro do barco e o papel que tivera Pepe Velo nel. Fixo o texto Roberto Vidal Bodaño. Publicouse co título “Mar Revolto” e representouse en Oporto en 2001 coa colaboración da Compañía de Teatro de Braga, dirixida por José Martíns.
6º) No ano 2016 no centenario do nacemento de Pepe Velo, a Fundación Lois Peña Novo colocou unha placa conmemorativa no edificio onde vivira en Vigo. Anos antes o Concello de Celanova dedicáralle unha rúa no centro da vila.
7) O 6 de decembro de 2019 novamente a Fundación Lois Peña Novo en colaboración co presidente da Cámara Municipal de Melgaço e a Escola de canteiros da Deputación de Pontevedra, colocou na pontella de acceso ao Museo Espaço Memória e Fronteira da vila, un monolito de grandes proporcións que reivindica a memoria de Xosé Velo Mosquera “Pepe Velo”, ao tempo que nel se deixa constancia do agradecemento ao pobo daquel concello miñoto por ter dado acubillo a moitos galegos e galegas fuxidas da represión franquista, e presentouse un libro titulado “As augas do Mañá” da autoría de Antón Piñeiro.
8) En febreiro do ano 2020 a Fundación Peña Novo en colaboración co concello de Celanova e a Xunta de Galicia colocou, no Parque das Trigueiriza, un monumento de bronce coa súa efixie para perpetuar a súa memoria.
Ben está que os que o estimen oportuno continúen o labor divulgativo da biografía de Pepe Velo, pero non ignorando o esforzo que outros moitos levan feito na recuperación da súa memoria. Mais o feito e que estamos a ler titulares que inducen intencionadamente a desvirtuar a realidade: “Un ano para rescatar do descoñecemento a figura de Xosé Velo o libertador ibérico” ou “o silencio sobre Xosé Velo en Galicia é escandaloso; está todo por facer”. É moi preocupante este tipo de prácticas.

Previous articleLa Voz de Galicia – Ramón Castromil, empresario de compromiso ético e galeguista
Next articleO progreso de Lugo – O Día das Letras Galegas e a diglosia