Faro de Vigo – Os premios Peña Novo recoñecen a Rodrigo Romaní, Nova Escola Galega e Luisa Castro

Premios Lois peña Novo 2019

A Fundación Lois Peña Novo vén de dar a coñecer as persoalidades galardoadas este ano como recoñecemento á súa galeguidade e emprego máis defensa do galego. Nesta ocasión, as propostas elixidas son o músico Rodrigo Romaní, a doutora en bioloxía María Luisa Castro e a Asociación Nova Escola Galega. Os galardóns serán entregados o vindeiro día 30 en Soutomaior.
En canto a Rodrigo Romaní, a organización destaca que é “embaixador da música tradicional galega no mundo con máis de 40 anos de impecable traxectoria creando referentes no imaxinario colectivo galego” primeiro co grupo Milladoiro e despois como director do Conservatorio de Música tradicional en Vigo.
Respecto a María Luisa Castro Cerceda, resaltan que exerceu “un maxisterio socrático de galeguidade diante dos centos de alumnos que a través das súas aulas se formaron en lingua galega” na Facultade de Bioloxía e Ciencias do Mar da Universidade de Vigo.

Finalmente, outorgaron distinción tamén á Asociación Nova Escola Galega por “tratarse dun colectivo da sociedade civil que dende 1983 vén traballando coa finalidade de construir un sistema educativo en galego, público e democrático”.

Previous articleLa Región – Irmandade Xurídica Galega
Next articleLa Voz de Galicia – O galego nas empresas