Salomé Soutelo
A normalización lingüística aínda ten un longo camiño se falamos da morte: o emprego do galego nos ritos litúrxicos e nas lápidas dos camposantos está medrando, pero aínda é algo moi residual
O pasado 6 de xullo durante a inauguración da ampliación do camposanto da Romea, bautizada como Fraga do Alén, o alcalde de Lalín, José Crespo, anunciou a súa intención de elaborar unha ordenanza para fomentar o emprego do galego nas lápidas e nos ramos e coroas de flores.
É certo que nas últimas décadas o galego foi gañando algo de terreo ao castelán en ámbitos como os medios de comunicación, a administración ou o ensino. Pero cando nos falece un familiar, ainda que sexamos galegofalantes, moitos de nós non nos percatamos de que a esa persoa que tamén se expresaba en galego estámola despedindo cun funeral e con ramos de flores en castelán. Incluso a lápida que preservará a súa memoria, coa data de nacemento e a morte, adoita estar tamén en castelán.
Bernardino Barreiro faleceu en Gres en febreiro de 1990, e a placa que preside a súa morada eterna está en galego, coa lenda “a túa muller, fillos e netas”. Pode presumir de ser unha das primeira lápidas en galego do cemiterio desta parroquia cruceña. Esta mesma familia, a Barreiro Otero, ten outra tumba na que, xa en 1961 se le “recordo da súa afillada Ofelia Otero Pernas” en lembranza de Generosa Penas Brea. Fálolles destas dúas persoas porque Mariluz Barreiro Otero é filla de Bernardino e de Ofelia. Imparte clase de Lingua e Literatura Galega nun instituto en Carnota, e ademais colabora nun estudo que se realizou en 150 municipios para ver se houbo ou non incremento do galego nas inscripcións funerarias. Dita iniciativa partiu de David Canto Veiga, que recompilou información en Galicia, no occidente de Asturias, no Bierzo e na área zamorana de As Portelas.
Mariluz Barreiro xa fixera unha primeira análise en 2020, tralo confinamento. En Gres hai 70 propiedades, entre panteóns e tumbas. Daquelas, comprobou que nin os seus familiares, nin o panteón de Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, con epitafios tamén en galego, crearan escola entre os veciños: só o 5% desas propiedades tiñan lembranzas en galego para os falecidos. Agora, catro anos despois, a porcentaxe neste camposanto xa subiu ao 10%.
A proporción de Vila de Cruces é similar á de Santiago de Compostela, cun 9,12%; á de Muras, cun 10%, ou á de Noia, con 12,19. Pero quen lidera este emprego do galego para a lembranza eterna é Rianxo, a patria de Daniel Castelao, de Manuel Antonio e tamén de Rafael Dieste: o 20,7% das lápidas do seu camposanto están en galego. Estes datos poden consultarse no mapa “Cartografía do uso do Galego nos camposantos”, onde tamén se colgaron xa datos doutro municipio dezano, o de Agolada, onde no 4,7% das lápidas xa se emprega o galego. É unha cifra idéntica ao 3,13% de Guitiriz ou o 3,17% de Cerdido.
Mariluz Barreiro indica que este proxecto está aberto a persoas voluntarias, igual que a iniciativa Toponimízate, na que ademais dos nomes de aldeas e lugares se poden recoller as nomenclaturas de camiños, montes, fontes, regatos… para que non queden no esquecemento, igual que as persoas que xa non no acompañan físicamente en vida. No exame que realizou en Gres en setembro, esta veciña comprobou que ese aumento se debe a que “nalgúns casos, hai xente que cambiou a lápida ao falecerlle o segundo proxenitor e xa empregou o galego”.
Papel das funerarias
A intención de Mariluz é seguir aportando datos a este mapa, visitando o camposanto da parroquia de Bascuas, onde naceu a súa nai, e a de Ledesma, xa ao outro lado do Ulla, onde se criou o seu pai. Lembra que a decisión do epitafio en galego para o seu pai foi algo natural, posto que é a lingua que emprega a familia no seu día a día. Neste sentido, remarca que “as funerarias teñen un papel moi importante” á hora de normalizar o uso deste idioma nun momento tan delicado como importante para a familia.
E tamén a propia Igrexa xoga un papel moi destacado, e no que algo se avanzou, ao dispoñer xa de liturxia en galego e incluso de cánticos relixiosos tamén neste idioma. Ese desexo do galego por competir en igualdade co castelán nas manifestacións de fe ou no momento da despedida dun ser querido é moi evidente: pensen cántos sacerdotes coñecen que misan en castelán pero que optan polo galego, a súa lingua materna, á hora de dar a súa homilía.