Faro de Vigo – O goberno local anima a usar o galego “con normalidade en todos os ámbitos”

cemiterio do Viso o Día da Restauración da Memoria Lingüística

Celebrou no cemiterio do Viso o Día da Restauración da Memoria Lingüística
O departamento de Normalización Lingüística de Redondela promoveu o pasado domingo 27 de outubro a conmemoración do “Día da restauración da memoria lingüística de Galicia” . Os actos tiveron lugar no cemitorio de O Viso, onde a alcaldesa e tamén concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, descubriu unha placa en homenaxe aos que alí repousan. “A maioría dos habitantes de Redondela falan en galego, mais só o 2% das lápidas ou placas colocadas nos cemiterios están na nosa lingua”, sinalou a rexedora. Por este motivo, o Concello animará cunha serie de iniciativas á utilización da lingua galega en lápidas e placas.

A placa foi colocada na entrada principal do cemiterio do Viso, onde grazas á aportación do párroco, Don Carlos, destaca de forma ben visible a lenda “O Barrio de Todos”, un xeito de lembrar a unión da parroquia do Viso e para que chame a atención de cantas persoas acuden diariamente a este recinto a rendir homenaxe aos seus defuntos “porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”.
No acto oficial, a alcaldesa estivo acompañada polo párroco e por Xosé González, quen durante moitos anos foi o responsable da área de Normalización Lingüística de Redondela e agora representa á Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, e tamén os concelleiros do equipo de goberno Susana Couñago, Leonardo Cabaleiro e Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura.

O goberno local e os funcionarios de normalización lingüística fan un chamamento á ciudadanía a “empregar con normalidade en tódolos ámbitos” a lingua na que se manifiesta na intimidade familiar. “Cómpre que reaccionemos perante este feito anómalo e que mudemos vellos hábitos lingüísticos herdados que non son máis ca pouca autoestima polo propio, por aquilo que é patrimonio común de todos, o noso idioma. A lingua é o signo máis preclaro da nosa identidade. Esta debe permanecer viva nos ámbitos onde moura a memoria colectiva, sendo os cemiterios espazos singulares de recordo”, indicaron.

Previous articleGalicia Digital – Celebración da Memoria Lingüística no único cemiterio de Galicia con todas as lápidas en galego
Next articleDÍA DA RESTAURACIÓN DA MEMORIA LINGÜÍSTICA EN CASTRO CALDELAS