Faro de Vigo – Nace na Estrada a Irmandade da Sanidade Galega para potenciar o idioma neste eido

ANA CELA – A ESTRADA

“Comprométome a utilizar e a defender o uso da lingua galega na miña actividade profesional consonte cos obxectivos fundacionais da Irmandade da Sanidade Galega, no marco da Constitución Española e do Estatuto de Autonomía de Galicia e con pleno respeto aos dereitos dos cidadáns”. Con estas palabras e a súa sinatura, 35 profesionais vencellados ao eido da sanidade pública e privada sumáronse na pasada xornada á Irmandade da Sanidade Galega, que naceu na Estrada nun acto que permitiou tamén gabala memoria do médico e humanista estradense Manuel Reimóndez Portela.

A constitución desta entidade desenvolveuse no Teatro Principal. O lema Por unha sanidade humanista e galeguizada que coroaba o escenario serviu para trasladar de xeito resumido os principais obxectivos que se marca esta irmandade, abandeirada pola defensa e o fomento da utilización do idioma nas distintas manifestacións do eido sanitario.

Xunto cos profesonais deste ámbito que rubricaron a súa incorporación a esta nova entidade estiveron sobre as táboas do teatro estradense o alcalde, José López Campos, o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela García, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización lingüística, Xaquín Monteagudo. É este último colectivo, fundado no ano 1982, un dos principais promotores do nacemento desta irmandade, na súa loita por levar a lingua galega a múltiples espazos sociais.

Xaquín Monteagudo explicou que a asociación que preside naceu pola preocupación dun grupo de funcionarios pola cultura e a lingua galega nun 1984 no que aínda estaba recente a aprobación da Lei de Normalización Lingüística. Sinalou que estes funcionarios eran conscientes de que facer da normalización unha realidade esixía un esforzo, un programa e un plan para que a lingua puidese recuperar ámbitos dos que fora arredada. Decidiron sumar o seu propio esforzo ás actividades planificadas polos poderes públicos. Despois de varios anos de camiño, nacería en 2007 a Irmandade Xurídica de Galicia, o antecedente no mundo do Dereito da entidade que agora bota a andar no campo da Medicina.

Profunda anomalía

“Este acto é unha profunda anomalía. A ningún inglés se lle ocurriría organizar en Liverpool un acto para homenaxear a alguén por falar inglés no exercizo da súa profesión”. Estas aplaudidas palabras marcaron o turno de intervención de Pablo Vaamonde, coordinador, xunto con Bernardino Pardo, desta irmandade. Sinalou que para que o galego estea vivo ten que estar nos patios dos colexios, nos mercados de abastos, nos campos de fútbol e tamén nos hospitais e centros de saúde. Considerou que este novo colectivo será bo para a saúde do galego, ao asumir como propio o compromiso de potenciar o uso deste idioma entre os profesionais da Sanidade e fomentar a súa continua presenza nos contextos que lle son propios.

Pola súa banda, Bernardino Pardo recoñeceu que a realidade destes profesionais é que moitas veces se comportan como “Doctor Jekill e Mister Hyde”, dirixíndose en castelán aos pacientes e deixando o galego para a hora do café. Lembrou unha anécdota dos seus tempos de médico na Estrada: entregara a un paciente un informe en galego que non quixo entender un boticario da vila, sinalando que podría estar escrito “por calquera paisano”. De seguido, rememorou sentirse homenaxeado por aquela situación: “Eu era paisano, integrante deste país”, sinalou Pardo, suliñando que quen non compartía esa condición era o boticario. Engadiu o médico que o idioma non debe entenderse reservado á parte humanística e incidiu en que a Irmandade da Sanidade Galega representa “unha esperanza de futuro” para o galego.

Lección inaugural

Trala sinatura do compromiso e adhesión a esta entidade, o psiquiatra e especialista en antropoloxía médica Emilio González ofreceu unha lección inaugural con múltiples referencias á figura de Manuel Reimóndez Portela. Sinalou que na data do seu pasamento pasou á inmortalidade. Considerou que foi un bo escoitador, bo comunicador e que “soubo baixarse” e eliminar a brecha que tantas veces existe entre médico e doente.

A figura do médico e humanista da Estrada lembrouse logo a través das intervencións de Valentín García, fondo coñecedor do homenaxeado, e das verbas do propio Reimóndez a través de entrevistas televisivas.A continuación, o seu fillo Luis Reimóndez recolleu un agasallo de mans do alcalde. Os discursos de Anxo Lorenzo, que sinalou que a normalización supón un reto para todos e require un esforzo e sensibilidade especial, e de José López pecharon o acto. O alcalde tivo palabras de recordo e eloxio para Reimóndez, a quen estimou un “exemplo” de profundo compromiso coa cultura e a lingua galega. As últimas voces en escoitarse foron as dos cantores da Coral Polifónica Estradense, con Unha noite na eira do trigo e o Himno Galego.

Previous articleGaliciaé – Nace a Irmandade da Sanidade Galega para impulsar a normalización do galego
Next articleLa Voz de Galicia – A Estrada acoge la constitución de la Irmandade da Sanidade y un homenaje a Reimóndez