O título desta colaboración cólloo prestado dun documental dirixido por Pío García con guión de Carme Vaquero, que fai un percorrido pola dilatada biografía de Luís Soto Fernández. O texto da placa do busto, que tamén se inaugurará o día 18 do mes que andamos en Vilanova dos Infantes, resume acaidamente a súa dilatada e intensa vida: “Mestre comprometido, loitador polas liberdades e político inspirador dun novo discurso para a reconstrución da identidade galega”.
Luis Soto é unha figura senlleira da historia de Galicia apenas coñecida. Os actos programados en Celanova e Vilanova servirán para proxectar a súa memoria e o seu papel decisivo antes e durante a II República, e posteriormente, durante o exilio mexicano. Cando puido volver ao país, recollíao ao pé do avión para irmos a Vilanova dos Infantes. De camiño, en Celanova, tiña por costume entrar na igrexa e recitarlle ao demo os versos que o seu admirado Curros Enríquez lle dedicou no poemario “Aires da Miña Terra”: “Salve, meu vello amigo,/ rival do Eterno, loitador antigo,/ protesta viva contra a forza bruta./Demo meu bo amigo, saiamos xa da igrexa do convento”. Cumprido con contento este ritual baixabamos a Vilanova dos Infantes a casa da súa irmá Inés que sentía por el unha indisimulada devoción.
Mantivemos demorados parladoiros sobre o pasado, presente e futuro de Galicia. Falabame da pouca sensibilidade do Partido Comunista de España polas nacionalidades. Contoume como Adriano Romero Cachinero, un campesiño cordobés, incluído nas listas electorais pola provincia de Pontevedra, choraba cando acudía aos mítins porque non entendía a lingua galega.
Outro inesquecible recordo vivino cando fomos visitar a Enrique Líster. Foi en Calo,nun restaurante que aínda está aberto fronte á casa das súas irmás. Sentamos ás once da mañá e marchamos ás doce da noite. O que ali falaron e o que eu aprendín!. Aquel día decateime da fonda amizade e aprezo recíproco que se tiñan. Dous loitadores amigos, fronte a fronte, repasando a intrahistoria de moitos acontecementos transcendentais.
“Vieiros”, a única revista monolingüe editada na diáspora galega foi moito máis que unha publicación de deseño atractivo e moderno, como dicimos hoxe. Sen a ilusión e o esforzo de Luís Soto, malia contar con figura senlleiras no consello de redación –Carlos Velo, Arturo Souto, Florencio Delgado Gurriarán…– non se podería editar. Esta publicación foi a ponte entre o exilio e a xente moza que aqui empezaba a rebulir arredor da idea da reconstrución da identidade que el soubo liderar.
Agradecemoslles á Xunta de Galicia o seu apoio económico, nomeadamente ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e a colaboración de Antonio Puga, alcalde do concello de Celanova.
Unha vila que ten nas súas prazas esculturas dos seus veciños máis senlleiros e importantes personalidade da cultura galega como son Curros Enriquez, Celso Emilio Ferreiro e a de Xosé Velo Mosquera, protagonista dunha xesta histórica contras as ditaduras española e portuguesa, incorpora agora a de Luís Soto Fernández.