O pensamento económico galego ten unha historia apenas coñecida. Ese descoñecemento está desgrazadamente moi xeralizado. Vexamos algúns casos.
O 1º Congreso de Economía de Galicia celebrado en Lugo en 1925. Os relatorios, debates e conclusións foron tanscendentais no deseñar dun modelo de país, e os desenvolvementos sectoriais da economía. Velaquí unha proposta para modernizar o sector do viño: “Que se estableza en Ribadavía unha Estación Enolóxica para a defensa contra as adulteración e orientación da moderna vinicultura”. Houbo que agardar sesenta e dous anos para a súa creación, que foi en 1987 . Outra das propostas daquel congreso foi asociar o desenrolo económico á investigación como medio imprescindible para acadar resultados exitosos. A ceación da Misión Biolóxica de Galicia non é allea ás preocupacións dos promotors do congreso.
En xaneiro de 1936, a proposta de Álvaro das Casas, constituíuse no Pazo dos Ulloa, en Esposende, Ribadavia, a Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avía (UCRA), precursora do cooperativismo ribeirao dos anos sesenta do século pasado. Afirmaba a UCRA no seu manifesto fundacional que “a fama do Ribeiro non se debe a unha adega, nin siquera a unha parroquia determinada, senón a toda a nosa expléndida conca do Avia”. Avogaba pola “millora da calidade e a asociación da produción vinícola coa identidade galega”. A UCRA foi a precursora da incorporación da lingua galega ás etiquetas.
En 1957 comezouse a editar a Revista de Economía de Galicia (REG) que foi unha publicación senlleira, rigorosa nos seus estudos e propostas baseadas no coñecemento científico das potencialidades económicas que tiña Galicia. A revista sempre estivo baixo a censura inquisidora das autoridades franquistas. Eivas tan importantes como a falta dunha organización territorial e a planificación para un mellor aproveitamento dos recursos naturais foron abordados en cadanseus números publicados. Mágoa que non se celebrase este ano con algún acto o 65º aniversario da publicación para perpetuar a lembranza daquel acerto editorial.
Todas as tres iniciativas compartían un denominador común: os obxectivos do progreso económico tiñan que estar fundamentados na Investigación, no Desenvolvemento e Innovación, que ten a súa expresión na coñecida fórmula I+D+i, de obrigada observancia na planificación económica. Tal ecuación tivo en Galicia a súa fonte de inspiración e aplicación. Algúnhas empresas foron adiantados no seu tempo ao incorporaren un sumando máis, o ¨G” de galeguismo. Ao tempo, propuñan a creación dunha marca-país, que “Zeltia Agraria” e “Sargadelos” encarnaron como modelos de acertos empresariais.
Hoxe podemos afirmar que en Galicia o 70% da produción vinícola etiquétase en galego grazas a un gran número de adegas de millonarias producións. Tamén aumentaron o número de marcas que no sector agroalimentario imitaron os exemplos impulsados polas campañas publicitarias promovidas polo Foro E. Peinador- Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingúística.