Faro de Vigo – A vella e a Nova Pescanova

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Nunha anterior colaboración comentabamos o acerto dos directivos de Nueva Pescanova de abrírenlles as portas da empresa á lingua galega. Unha iniciativa oportuna. Os anteriores xestores negáronse cando llela propuxemos hai ben anos. As actitudes dos que agora a dirixen demostran intelixencia ao recoñeceren a identidade de Galicia. Esta mudanza estase a facer co visto e prace de don Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de Abanca, entidade financieira con maioría no accionariado desta industria pesqueira coa colaboración positiva de don Ignacio González, director executivo e os directivos que completan o órgano de goberno corporativo.

Aínda non hai moito tempo dabamosllelos parabéns por incluír a versión galega da páxina dixital de información corporativa. Agora, como lóxica consecuencia, publícase o anuncio do Consello de Administración convocando unha xunta xeral extraordinaria da sociedade cunha extensa Orde do Día. É a primeira vez que tal suceso acontece. Cando se relaten os procesos de normalización lingüística nas empresas este feito será salientado. Polo que se nos ten dito, a empresa ten o propósito de ir incorporando o uso do noso idioma en todas as actividades posibles. Temos fundadas esperanzas neste iniciado percorrido galeguizador.

A lingua galega non ten ningunha contraindicación nos usos empresariais e comerciais, como así o demostraron as empresas reconciliadas coa lingua e cultura do país. Algunhas desde moito tempo atrás. Sempre poñemos os exemplos das marcas do sector agroalimentario etiquetando os seus produtos no noso idioma. Esta praxe reforza con máis forza a denominación de oríxe, como ocorre cos que nós consumimos, etiquetados en cadansúa lingua (francés, inglés,italiano…) segundo a procedencia porque garanten a autenticidade da oríxe. Os consumidores autóctonos e foráneos recibiron gratamente o atinado procedemento.

De aí que veña a conto que lles formulemos aos empresarios receosos as seguintes preguntas:

1.- Que ten de preocupante a rotulación en galego da sinalética que xa teñen por norma as institucións públicas? Que fundamentos teñen as clínicas privadas para non secundaren o exemplo dos servizos hospitalarios públicos?

2.- Son incomprensibles as mensaxes publicitarias en lingua galega? Ninguén autorizado no ámbito da comunicación poderá facer tal afirmación se non é mentindo.

3.- Que razóns desaconsellan redactar en galego as nóminas dos traballadores cando é práctica consolidada na Xunta de Galicia como na case totalidade das corporacións locais consonte cos dereitos lingüísticos vixentes dos traballadores?

4.- Que motivos teñen as empresas que se opoñen a utilizar a lingua galega nas relacións cos seus clientes cando xa o fan as empresas municipais prestadoras de servizos de subministración de auga, ou recollida de lixo, que son a totalidade dos millóns de cidadáns das grandes cidades e vilas?

5.- E unha última pregunta que diriximos ás axencias de comunicación que traballan para elas: non son consumidores os cidadáns que reciben das institucións públicas as comunicacións en galego? A que ben logo esa disociación entre cidadáns e consumidores?

A non utilización da lingua galega nas instancias empresariais ten os seus alicerces nos graves prexuizos lingüísticos que provocan unha frontal oposición ao estatus xurídico da oficialidade do noso idioma que recoñece e ampara súa validez para todos os usos.

Cómpre que os directivos empresariais reflexionen sobre estas preguntas. Porque eses receos que contradín o réxime xurídico da oficialidade lingúística son contrarios tamén coa Responsabilidade Social Corporativa que aconsella o respeto polas peculiaridades culturais do territorio no que están asentadas as empresas. É tempo de mudanzas. Nueva Pescanova empezounas a facer.