Elena Ocampo
A Irmandade Xurídica Galega promoverá o uso do galego como «lingua de traballo» entre as forzas de seguridade, para o que prepara unha campaña con achegas por parte da delegación do Goberno e da Xunta.
Entre as propostas que se valoran atópanse desde relatos policiais escritos en galego a iniciativas semellantes ás do libro libro «En galego, con toda seguridade», que se editou en 2008 para recoller as opinións favorables de diversos xefes policiais e moitos axentes locais sobre o uso da lingua.
«O uso do galego nas forzas e corpos de seguridade do Estado, e tamén policías locais e autonómicas é esencial para fortalecer a confianza e a proximidade entre os axentes e a cidadanía. Ao eliminar barreiras lingüísticas e demostrar un respecto profundo pola identidade cultural de Galicia, poden mellorar a súa comunicación, fomentar a colaboración cidadá e crear un entorno social máis harmonioso e inclusivo», expresa o presidente do colectivo, Xaquín Monteagudo, que participou xunto co tamén avogado e membro da Irmandade Xurídica Galega, Sergio Aramburu nunha reunión co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. No encontro, analizaron a situación do galego na Administración de Xustiza e da Administración Xeral do Estado. Entre os trescentos membros cos que conta a Irmandade Xurídica Galega atópanse fiscais, xuíces, avogados ou inspectores e —segundo sinala o presidente– hai espazos «importantes e históricos do uso do galego na xudicatura, como ocorre na Audiencia provincial de Pontevedra». A Irmandade busca aliados agora para estender o uso do galego entre os axentes.