Faro de Vigo – A Festa da Coca

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

A celebración da Festa da Coca aviva na miña memoria con forza. Foi na década dos anos oitenta cando exercendo o meu labor de funcionario encargado dos departamentos de normalización lingüística e cultura, puxen a miña imaxinación e entusiasmo dedicado a restaurar unha tradición nun ambiente de preocupante desgaleguización. Para reconducila editáronse dúas unidades didácticas, “A Coca” e “As penlas e a danza de espadas” da autoría do etnógrafo Clodio González Pérez, que tiveron gran difusión entre os escolares.

A primeira, cun prólogo do erudito profesor Xosé Filgueira Valverde. Dicía nel: “Soubo conservar Redondela, como festa maior, o desfile da “Coca” e a “Danza de Espadas” coas súas “penlas”, a única procesión de Galicia, onde perdurou a presenza da “tarasca”, perseguidas polas autoridades “ilustradas” do XVIII. Non foi doado defender estes costumes, engadía, ao seren “prohibidos expresamente desde 1772: “por ser falta de respeto y veneración”, e considerar “ridículas figuras”, “fantasmas irrisibles”, “atraimento de gente menos culta y vulgar”; mentres, outro ilustrado, o P.Sarmiento, comprendía o seu senso simbólico e o seu valor tradicional”. Mellor sorte tivo a Danza das Espadas. A utilidade de ambas as dúas publicacións foron decisivas para dignificar aquelas tradicións.

Amais destas publicacións, foi importante contar con dous medios de comunicación: o Centro Rexional de TVE en Galicia que dirixía o benquerido amigo Manolo Lombao, a quen lle solicitei unha emisión extraordinaria de unha hora de duración desde un plató construído na praza da Constitución, e varias unidades móbiles para poder lanzar o sinal ao poste repetidor do monte Xaxán en Domaio. Contamos tamén coa Radio Galega, dirixida por outro bo amigo, Xosé Luís Blanco Campaña. Nunca entón a Festa da Coca tivera unha proxección extraterritorial semellante na historia das súas celebracións. Para dignificar esta tradición mitolóxica o Concello encargoulle a Isaac Díaz Pardo, director de Sargadelos, o deseño dunha peza de cerámica da Coca, que foi utilizada como agasallo institucional durante moitos anos.

Foi importante tamén neste labor de restauración o acto de irmandade con Monçao, que comparte coa de Redondela o nome da festa editando un cartel de festa común realizado polo ilustrador Xosé Vizoso. O costume de principiar as festas cun pregón ten as súas oríxes naqueles anos. Polo balcón da Casa do Concello pasaron figuras de prestixio intelectual que dinamizaron e acrecentaron a identidade galega da veciñanza.

Esta iniciativa estivo enmarcada na campaña desenvolvida polo Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, “Mil festas máis para a lingua galega”, que tiña como obxectivo a posta en valor dos festexos tradicionais, a incorporación da lingua galega (música, actos litúrxicos,etc); campaña que acadaría ampla repercusión en todo territorio galego, conseguíndose por primeira vez que o “Himno Galego” fose interpretrado pola Banda de Música na misa maior no momento da consagración.O exemplo foi secundado na meirande parte de Galicia.

Insistíramoslles tamén ás orquestras que galeguizasen parte do repertorio e que os animadores se dirixisen ao público utilizando o noso idioma.Tal fora a aceptación da proposta galeguizadora que a Redondela acudiran moitísimos alcaldes galegos convocados para asinaren a Declaración das Mil Festas Máis para a Lingua Galega. Considero que esta pedagoxía galeguizadora non debera caír no esquecemento, revitalizándoa coa inclusión nos contratos dunha cláusula específica referida a esa finalidade.

Lembro poisitivamente aqueles tempos de inmenso traballo e grandes dóses de imaxinación. Sen embargo, non se constituíu a Asociación de Concellos con Danzas Brancas malia ter redactados os estatutos e celebrada unha reunión preparatoria. A falta de interese institucional frustou o intento.

Previous articleLa Voz de Galicia – Consuelo Castro será xuíza honoraria do Couto Mixto
Next articleCOUTO MIXTO, terra do pensamento transfronteirizo