O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou ONTE o compromiso do organismo provincial coa protección, normalización e difusión da lingua galega no acto “Galeguismo empresarial: comprometidos co futuro” promovido polo Foro Enrique Peinador e que tivo lugar no Salón de Plenos do Pazo provincial.
“O galego define a realidade na que vivimos”, defendeu o mandatario provincial despois de asinar unha declaración institucional coa finalidade de seguir impulsando o uso do galego no ámbito empresarial.
O titular do Executivo provincial detallou o compromiso da Deputación pola normalización e uso do galego ao detallar os distintos investimentos e iniciativas que o organismo supramunicipal ten en marcha neste eido. “Deixando á marxe o non menos relevante feito de que comunicamos as 24 horas do día, e os 365 días en galego”, comezou López un discurso no que se referiu tamén á súa decisión de incorporar o servizo de Normalización Lingüística da Deputación ao departamento de Presidencia.
O presidente citou tamén o reparto de 200.000 euros entre os concellos para reforzar os seus servizos de normalización ou o apoio directo a editoriais, colectivos culturais, iniciativas empresariais ou producións audiovisuais en galego. Neste punto, Luis López referiuse á colaboración coa rodaxe da película “Antes ca nós”, baseada na vida de Castelao; ou a colaboración co Correlingua ou a Asociación Psicopedagóxica Galega. “Nesta Deputación fomentamos unha vida en galego para quen a desexe”, afirmou.
Home Foro Enrique Peinador