O Foro E. Peinador celebrou outro dos seus “Encontros” cunha ducia de empresas invitadas a coñeceren as proposta para incorporar a lingua galegas ás distintas actividades nos seus negocios. O catálogo de propostas vai desde a redacción dos convenios colectivos, coa cláusula de dereitos lingüísticos incluídos, ata a extensión nas nóminas, contratos de traballo e outros documentos do ámbito das relacións laborais. A rotulación interior, o plurilingüísmo nas páxinas web, a etiquetaxe e a publicidade, forman parte das medidas dese abano de posibilidades que se lles ofrecen ás empresas para incorporaren progresivamente a lingua galega nas súas actividades empresariais dunha maneira natural, propiciando a tarefa do reencontro, aínda pendente, entre a economía e a identidade, que tal é o obxectivo que persegue o Foro E. Peinador.
As empresas participantes neste encontro “Encontro” foron: Celtic Estores, representada polo seu director xerente, Casián García; Energy, por Xabier Monteagudo; Alejandra Bernardo, Aguas de Mondariz; Xulio Fernández, presidente Filmax; José Domínguez Álvarez, director Financeiro do estaleiro Factorias Vulcano; Grupo Academia Postal, representada polo seu director xeral, Francisco Novoa Rodriguez; Francisco Rodriguez, Presidente da Confederación de Empresarios de Ourense; Lito Andión da Cooperativa Láctea “Hoxe”, e Xosé Manuel Ortigueira, director financeiro de Xesgalicia. Aínda que non estivo presente, Mario Cardama, de “Astilleros y Varaderos Francisco Cardama, S.A”, manifestou a súa adhesión ao proceso galeguizador.
Asistiron tamén don Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística, que manifestou ou seu compromiso de apoio á normalización lingüística no ámbito empresarial, e don Carlos Varela García Fiscal Superior de Galicia.
Na mesma xuntanza tomouse o acordo de seguir apoiando o proceso de galeguización da etiquetaxe dos produtos agroalimentarios e continuar coas compañas dirixidas aos consumidores galegos, instándoos a preferiren estes produtos polo que supón de positivo para a normalización da lingua galega.
Asemade, o Foro E. Peinador, prepara para os próximos meses a organización de diversos actos para escenificar a adhesión ao proceso galeguizador, como no seu día foron os actos celebrados no Estaleiro “H.J.Barreras”, promovidos por esta empresa e ACLUNAGA, asociación do clúster galego do naval.
Proximamente está prevista a participación nestes “Encontros” de coñecidas empresas en Galicia, así como a organización dun acto conmemorativo do Primeiro Congreso de Economía Galega celebrado en 1925 en Lugo, que tanta pegada deixou na historia da nosa economía.