As máis das veces o Foro E. Peinador fai o seu labor sen publicidade, reuníndose con empresarios dos distintos sectores da economía para plantexar as súas propostas cara á utilización do galego como lingua de uso nese eido. A discreción, combinada con iniciativas novidosas, son dúas características que definen a súa actividade. Sen embargo, cando os resultados das xestións cristalizan en propostas concretas é cando cómpre anuncialas para provocar adhesións. Este é o caso da IRMANDADE GALEGA DE ADEGUEIROS que celebrará o seu acto central o día 7 de xullo, en Camporedondo-Santo André, no Concello de Ribadavia, na futura sede do Museo do Viño de Galicia. Entrarán a formar parte da Irmandade moitas adegas galegas e tamén formarán parte, como cooperantes, outras empresas de sectores agroalimentarios e da distribución. Unha alianza necesaria para afrontar os momentos de crise no agro galego ao tempo que fomentar o discurso do galeguismo empresarial. Acordouse levar a cabo unha campaña para fomentar o consumo responsable “Consumo gustos etiquetados en galego”, que contará co apoio das centrais sindicais, institucións públicas e numerosas entidades culturais. Esta e outras medidas foron acordadas na recente xuntanza do padroado do Foro E.Peinador celebrado no Pazo de Lestrobe.