Coa presenza do Presidente da Xunta de Galicia celebrouse un encontro convocado polo Foro E. Peinador ao que acudiron máis de sesenta empresarios. Como vén sendo costume, expuxéronse propostas e medidas para restablecer o diálogo entre a economía e a identidade a través dun programa realista, aplicable e verificable que permita transformar de maneira progresiva.
O Presidente do Foro E. Peinador referíuse á necesaria incorporación á cultura empresarial un código de boas condutas que inspira a Responsabilidad Social Empresarial, como unha filosofía que incardine o tecido empresarial coa súa contorna e identidade. Un dos sinais máis característico dela é a lingua dos seus consumidores e traballadores, dúas forzas sociais indispensables para que unha empresa acade os fins fundacionais. Para abrir camiño a estas ideas o Presidente do Foro propuxo a institucionalización do Día da Empresa Galeguizada, unha xornada dedicada a espallar as bondades da identidade nas empresas galegas coa colaboración das institucións públicas e as universidades galegas que son,ao cabo, fornecen ás empresas cadros directivos.
O respecto dos dereitos lingüísticos, duns e doutros, contribúe a crear un mellor clima que redunda na boa marcha dos negocios. O recoñecemento legal deses dereitos apenas son observados.Como tampouco son tidos en conta os estudos sociolóxicos reveladores da aceptación que producen nos mercados os produtos orgullosos dos valores culturais que conforman a denominación de orixe.
Unha marca que incorpora os valores da denominación de oríxe é a mellor garantía para acadar éxitos nos mercados, porque engade un elementos diferenciador que provoca nos consumidores sentimentos e entusiasmos polo produto. Velaí están os exemplos dalgunhas empresas que actúan nesta liña de pensamento. Todas elas coñecidas e ben valoradas polos consumidores, que lles outorgan a súa confianza e os consabidos beneficios.
Pola súa banda, o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, remachou na mesma mensaxe afirmando que a identidade galegas das nosas empresas non supón ningún problema para a súa expansión porque “lonxe de empequenecer, a galeguidade engrandece.E o idioma tamén”.