Paradela reivindica o uso da lingua propia nos cemiterios. Instala unha placa no camposanto onde repousan o escritor Manuel Rodríguez e o canteiro O Lagoa, cuxas lápidas usan o idioma.
O concello de Paradela reivindícase coma un exemplo a seguir no uso do galego, no só en vida, senón tamén á hora da morte. O cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño destaca por ser o único de Galicia con todas as súas lápidas nesta lingua pero, ademais, no camposanto de San Miguel, neste mesmo municipio, empregan o idioma propio as sepulturas do escritor e Fillo Predilecto de Paradela, Manuel Oreste Rodríguez, e do canteiro Manuel López, coñecido como O Lagoa.
Precisamente nesta necrópole, a carón dunha igrexa do século XII, destapouse onte unha placa na que se le: “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”. Instalouse por iniciativa do Concello e da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, coa axuda da Xunta a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O acto contou coa presenza do alcalde, José Manuel Mato; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o musicólogo e Fillo Predilecto do concello, Xesús Mato; o escritor e xornalista Xulio Xiz; o edil Adrián Fernández, integrantes de asociacións de Paradela e familiares de Manuel Oreste Rodríguez e de Manuel López.
Este último, finado o 2 de maio do 2014, aos 92 anos, construíu el mesmo como canteiro o nicho no que repousa xunto á súa dona Donvina, tal e como lembra a lápida do Lagoa, rotulada en galego.
Na mesma necrópole descansa Manuel Oreste Rodríguez, falecido no 1990, cuxos restos ocupan o Panteón de Paradelenses Ilustres, único no seu xénero, onde unha placa recorda o seu “destacado labor cultural como escritor» e o «amor demostrado a esta terra durante toda a súa vida”. Diante da sepultura, na que figuran tamén uns versos do autor, depositouse este martes unha ofrenda floral.
Con anterioridade, os asistentes participaron na casa do concello de Paradela na firma dunha declaración a prol do emprego do galego “agora e sempre”, unha “reafirmación da galeguidade fronte ao momento máis transcendente da vida, o da morte”.
“Se o galego é a lingua que nos identifica en todos os contextos é natural que sexa tamén a que nos represente cando xa non estamos”, afirmou o delegado da Xunta, quen se referiu aos camposantos como “un espazo máis de transmisión da lingua propia e maioritaria de Galicia” e uns lugares para “honrar a memoria de todos aqueles que nola legaron”.
O alcalde repasou o proceso polo cal se galeguizou o cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño -onde hai dous anos se celebrou un acto similar ao de onte- e a creación por parte do Concello do Panteón de Paradelenses Ilustres.
Pola súa banda, Xulio Xiz, en nome da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, definiu Paradela como un municipio “exemplar” no uso do galego ata a fin dos días.
Home Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüistica