O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou onte o labor desenvolvido pola Asociación de Amigos do Couto Mixto no fomento “do diálogo, a convivencia, a interculturalidade e o respecto polo seu pasado, recuperando a historia propia”. No nomeamento dos seus novos xuíces honorarios, celebrado na igrexa de Santiago de Rubiá (Calvos de Randín), felicitou a este colectivo “polo estimulante traballo que facedes a prol do encontro, intensificando e concretando o noso coñecemento interrexional – entre Galicia e o norte de Portugal-–e polo traballo que facedes a prol da recuperación e a lembranza da historia local”. “Só con boas cousas pequenas seremos quen de construír, desde a cultura, unha sociedade máis desenvolvida, libre e xusta”, rematou.
Neste acto, no que o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, incorporáronse como xuíces honorarios o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán; o presidente da Cámara Municipal de Chaves, João Gonçalves Martíns Baptista; o gaiteiro Carlos Núñez e o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Xose A. Gómez Segade.