Tiña botica na rúa do Príncipe, fronte á rúa Eduardo Iglesias. Domingo faleceu relativamente novo, en 1978, cando tiña sesenta e dous anos.
Era irmán de don Paco, a quen admiraba con garimosa devoción. A súa rebotica foi tan importante para a cultura galega como a de Perfecto Feijóo en Pontevedra para a música tradicional. Sen embargo, son moi poucos o teñen memoria dun home que deixou tras de si unha estela de galeguismo comprometido nos tempos difíciles da dictadura franquista.
Cando acababa de cumprir dezaseis anos, levado polo P. Seixas, tiven a inmensa fortuna de coñecelo e de asistir ás tertulias que se celebraban na rebotica. Falaba pousadamente, cun sembrante que transmitía afecto e tranquilidade nos seus interlocutores. Ameno nas súas conversas e aleccionador, así exercía o seu maxisterio socrático.Sabía escoitar demoradamente infundindo confianza e ganando a simpatía de todos. Domingo sempre estaba disposto a axudar, a botar unha man para que un grupo cultural de mozos dispuxera dos medios necesarios. No seu coche carretábanos ó pé dun castelo ou dun pazo, para que coñecésemos o patrimonio histórico de Galicia.
A Domingo del Riego ese amor por Galicia víñalle de novo, de cando estudara a carreira en Compostela. Foi alí onde con outros mozos fundaran as Mocidades Galeguistas, das que foi o seu primeiro secretario xeral, herdeiros da agrupación xuvenil “Ultreia”, fundada por Álvaro das Casas, que había desembocar na creación en Ourense da Federación das Mocidades Galeguista.
Grazas ó seu estusiasmo e compromiso a lingua galega incorporouse á liturxia e textos bíblicos. Lembro as primeiras misas oficiadas polo P. Seixas na igrexa do Asilo no Paseo de Alfonso, onde os asistentes dividiamonos en dous grupos diferenzados: os que acudían por militancia, e os que o facían para controlar ós primeiros, a Brigada Político-Social.Estes en numeroso tropel.
No haber de Domingo del Riego están a fundación da Cooperativa Farmacéutica do Noroeste e a editorial Sept, pensada para publicacións litúrxicas e de pensamento cristián.
No ámbito político cómpre dicir que foi cofundador do Partido Galego Social-Demócrata, que se integraría nas postrimerías do franquismo no Consello de Forzas Políticas Galegas. Máis tarde sería candidato ó Congreso coa alianza do seu partido, o PGSD e a democracia cristiana cristiá.
A Irmandade Galega da Sanidade o próximo día 4 de maio homenaxeará a este boticario adornado coas virtudes dun profundo sentido da responsabilidade ética e un inequívoco compromiso co País. Ás 12.30 descubrirase unha placa na fachada do edificio onde estivo a botica e a seguir celebrarase unha mesa redonda nos salóns do Círculo Mercantil de Vigo. Memoria eterna para Domingo F. Del Riego.