XOSÉ CASTRO RATÓN
No medio de cabazas acesas e disfraces de criaturas da noite, parece que esquecemos que en tempos estas datas foron para lembrar aos que fixeron a maleta para unha viaxe sen volta. Samaín, ese nome adoptado e repintado de laranxa, ten agora máis éxito que a tradicional expresión de Día dos Defuntos, porque iso de “defunto” soa anticuado, pero, curiosamente, resulta que aínda lle temos un aquel ao arte de disfrazar a realidade coa retórica do eufemismo. Non dicimos que o falecido morreu; non, “finou”, “pasou a mellor vida”, “partiu cara ao descanso eterno”, ou “agora é veciño da parroquia dos mortos”, un lugar especial onde non hai prazas libres. A morte é pasamento.
O certo é que a sociedade soubo atopar unha ducia de xeitos para non mencionar directamente o fin da existencia: “os que xa non dormen na casa”, como se a morte fose unha sorte de expatriación definitiva, ou “camposanto”, que soa tan bucólico como as pradarías celestiais onde se supón que descansan en paz esas persoas do antonte. Así, mentres cambiamos a tea negra polos disfraces de monstro e convertémonos en adoradores de cabazas decoradas, nunca deixamos de buscar novas e poéticas maneiras para falar de quen, en realidade, xa non ten palabras. Tíñaas en vida.
Peor aínda, malia ter vivido en galego, ao morrer desaparece tamén o idioma no que se expresou de xeito cotiá. Esta situación acaba sendo un retrato doloroso da nosa propia indignidade cultural. É paradoxal que unha persoa viva en galego, pense e sinta en galego, pero chegue o seu último adeus sen un vestixio do idioma da súa vida. E non se limita á necrolóxica: o acto relixioso adoita ser en castelán, e as lápidas, con poucas excepcións, levan inscricións alleas á lingua que acompañou esa persoa en vida. O desleixo lingüístico neste proceso chega a tal punto que apenas un dez por cento dos enterramentos faise integramente en galego, no total do proceso. Para moitos e moitas, a última morada é tamén o último esquecemento do que fomos, como se a memoria e a identidade quedasen relegadas a unha curiosidade antropolóxica e non a un verdadeiro testamento.
Por iso, unha vez máis, pétase na porta da responsabilidade institucional, familiar e persoal coa iniciativa “En galego, agora e sempre”, da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, que fai un chamamento á restauración da memoria idiomática de Galiza nos cemiterios, devolvéndolle así a dignidade cultural a quen nos precedeu. A campaña lanza tamén a mensaxe clara de que o noso idioma non pode quedar á marxe, senón que debe acompañar as despedidas tanto como estivo presente nas vidas de quen se foi. Desde necrolóxicas e lápidas en galego ata actos relixiosos na nosa lingua, o galego é moito máis que unha lingua: é un patrimonio vivo. A súa promoción, uso e protección son responsabilidades compartidas que esixen un compromiso firme en todos os ámbitos sociais. Facendo que “o eco da identidade” resoe no derradeiro repouso, esixindo que a lingua galega, na que viviron e soñaron os nosos, os acompañe e honre ata a fin.