As medallas de ouro recoñecen o traballo de persoas e entidades que se distinguen polo seu empeño na construción da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Luis García Mañá, na actualidade xefe superior de Policía de Galicia, é un home de longa traxectoria de compromiso coa cultura galega e coa Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Á súa faceta profesional une unha dilatada e exitosa traxectoria como escritor de novelas policiacas, ambientadas entre Galicia e o Norte de Portugal, xa sexa no século XIX como en “O lume de Santo Antón”, ou no XX en “As plumas do moucho”.
Na súa condición de xefe de Policía participou activamente nas reunións impulsadas polo Eixo Atlántico para promover actuacións contra a delincuencia transfronteiriza. Foi impulsor da primeira comisaría destas características, situada en Tui.
A Medalla de Ouro do Eixo Atlántico non só recoñece esta traxectoria, senón que na súa persona quérese homenaxear á asociación Amigos do Couto Mixto, que desenvolveu un extraordinario labor de recuperación da historia da Eurorrexión a través dunha das súas entidades máis inxustamente descoñecidas e que constitúe o primeiro precedente da cooperación transfronteiriza.