Faro de Vigo – Carlos Salgado: “En Santiago facemos física de partículas ó mesmo nivel cós grandes centros europeos”

Carlos Salgado
Carlos Salgado

De neno, a Carlos Salgado (Monforte, 1971), gustábanlle as estrelas, as ciencias naturais, as matemáticas, a física e, sobre todo, os experimentos. Agora, de maior, é un apaixoado da física de partículas na que traballa e na que está considerado unha eminencia internacional; ademais dun firme e coherente defensor da lingua galega. O xurado do Premio Peña Novo decidiu concederlle un galardón este ano “polo seu compromiso permanente co idioma galego na súa actividade docente na que utiliza o galego como lingua vehicular nas aulas así como na súa actividade investigadora”, na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC) onde dirixe o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

-Na súa carreira como profesor na Facultade de Física, atopou algunha negativa do alumnado a impartir as aulas en galego?
-Nunca tiven ningún problema, todo o contrario. As clases do máster case sempre as dou en inglés porque hai bastante alumnos estranxeiros; pero se non hai tantos foráneos, si que as dou en galego e non tiven problema. O ano pasado, si que me pediron se podía ter unha versión en castelán do exame. Así se fixo e o alumno quedou contento.

-Que visión ten da situación do galego na actualidade?
-É unha visión complicada. Teño fillos pequenos: un de nove e outro de seis. Dende que naceron, faleilles galego e a nai, que é de Alicante, en valenciano. Dáme moita pena que tanto os meus fillos como os de amigos que eran galego falantes ó entraren na escola, ó cabo de dous ou tres meses, se convirtan en monolingües en castelán. Dáme pena porque o feito de ser multilingües dende pequenos vailles facilitar o aprender despois outras linguas. Eu falo cinco e utilízoas cos meus colegas de traballo. No IGFAE, hai xente coa que falo en francés, en italiano… con total naturalidade. O feito de ter máis dunha lingua na cabeza, facilitoume aprender outras.

-Que futuro albisca?
-Non sei cal vai se-lo futuro porque é moi difícil de predicir pero estes feitos preocúpanme bastante. Cando vexo as porcentaxes de uso de lingua por idade, penso que temos un problema grave. O que pasa na escola é un reflexo do que pasa na sociedade. Tampouco creo que sexa un problema dos políticos. Ata que a sociedade non se decate de que ter máis dunha lingua é unha riqueza, as cousas non cambiarán. Aquí, pola historia recente, inculcaron que a situación lóxica debería ser un país monolingüe pero os países monolingües son a excepción. Eu vivín en varios países e puiden comprobalo.

-Entrando na súa materia, como está a física de partículas no presente?
-Os últimos anos foron un periodo excitante na física de partículas. A física que estou facendo cambiou radicalmente. Agora estamos pensando que facer a partir do LHC, o colisionador de hadróns e acelerador de partículas do CERN (asentado en Xenebra, Suiza, e no que se intenta descubrir cal era a situación xusto despois do Big Bang do universo). Hai unha proposta de facer un novo acelerador de 100 quilómetros, na que estamos participando desde o IGFAE.

-Cen quilómetros de colisionador. Sona incrible.
-Serían 100 quilómetros de circunferencia. O LHC é o colisionador que hai nestes momentos ten 27 quilómetros de circunferencia. Agora, hai outra proposta para facer un de 100 quilómetros. Multiplicaría por sete a enerxía que ten o acelerador actual. Isto está en discusión. Son proxectos que implican a varias xeracións de físicos.

-O importante é que Galicia siga presente nestes proxectos co paso do tempo.
-Nestes momentos, o noso insituto, o IGFAE de Compostela, está moi ben posicionado internacionalmente. Parte dos proxectos relativos ós aceleradores do CERN son liberados dende Santiago. Abrimos unha liña nova de ondas gravitacionais, que é unha nova maneira de mirar o universo.

-Xusto este ano, concedéronlle a vostede unha Advanced Grant, un proxecto europeo, que vai estudar?
-Nós sabemos que hai un novo estado da materia na que os quarks e os gluóns, que forman os protóns están libres a unha temperatura altísima. Este novo estado acádase no LHC con temperaturas que son varios centos de milleiros de veces as do interior do sol. O interesante é que este foi o estado do universo unhas millonésimas de segundo despois do Big Bang. Ti máis eu estabamos nun estado da materia que se chama plasma de quarks e gluóns. A distancia á que poderiamos estar podería ser menor cá dun protón. Levamos anos reproducindo este estado no laboratorio e descubrimos que é un líquido perfecto cunha viscosidade moi pequena. Así, sabemos que o universo e ti máis eu estabamos nun líquido perfecto (xusto despois do Big Bang). O que non sabemos é como se produce, o mecanismo físico.

-O proxecto denomínase YoctoLHC e fala do yoctosegundo …
-Queremos medir como se produce este novo estado que se produce en unidades de yoctosegundo, a unidade máis pequena de tempo para a que temos nome no Sistema Internacional de Unidade. Hai tempos máis pequenos pero non temos nome. Os experimentos fanse en Xenebra pero o proxecto ten base principal en Santiago e colaboración con Lisboa e Finlandia. Nós podemos ir o CERN ( European Organization for Nuclear Research, Orgnización Europea para a Pesquisa Nuclear) cando queiramos, a metade do noso instituto é científico asociado do CERN. Podemos facer física de partículas en Santiago ó mesmo nivel que en calquera gran centro de Europa ou do mundo. Temos grupos liderando parte da física que se fai no CERN.

-Estamos a piques de saber que pasou tralo Big Bang?
-Cada vez nos imos achegando máis. Coas medidas de ondas gravitacionais, esperamos ir a tempos máis cercanos ó inicio do universo. Tampouco sabemos se houbo un tempo inicial ou se era unha cousa máis complexa.

Previous articleLa Región – XXV Premios Peña Novo, o recoñecemento do maxisterio galeguizador
Next articleGalicia confidencial – O Couto Mixto, capital de fronteira