Na fraseoloxía galega hai unha mostra moi acaída para o que aquí vou comentar. Díse dunha muller ou dun home que están feitos de cerna para cualificalos como rexos, persoas con principios.
Tales virtudes adornaron os comportamentos dalgúnhas personalidades que foron relevantes. Tal foi o caso do maxistrado e etnógrafo Fermín Bouza Brey que en 1931 fixo o primeiro exáme en galego na historia da Universidade de Santiago de Compostela. Ou o primeiro profesor da Facultade de Dereito, Porteiro Garea, que impartíu aulas no noso idioma naquel centro universitario.
A incorporación da lingua galega aos uso xurídicos foi unha arela que non se prodigou na medida que debera. Déronse razóns para explicar as causas. O Manifesto da Asemblea Nazonalista de Lugo do 18 de novembro de 1918 demandaba que a publicación das leis fose en idioma galego (artigo 3º do apartado dedicado ás “Custiós xurídicas”). Esta aspiración concretouse cando se editou o Diario Oficial de Galicia integramente en lingua galega. Tal suceso aconteceu na edición do día 3 de xullo de 1984 por mor da iniciativa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. Unha semana despois o Boletín Oficial do Parlamento de Galicia empezaría a editarse tamén en galego, abandonando ambas as dúas o modelo da dobre columna, galego e castelán. Anos máis tarde, grazas tamén á teimosía da AFNLG, o Boletín Oficial do Estado empezou a editar nunha edición mensual as versión galegas das leis e dalgunhas outras disposición legais.
Nese camiño por galeguizar o ámbito do dereito e as actividades xudiciais, a Irmandade Xurídica Galega demostrou ser unha entidade con capacidade para dinamizar un proceso cheo de atrancos cunha conta de resultados positivos, aínda que non na medida desexada. Co paso do tempo a incorporación de funcionarios xudiciais e da xudicatura xunto con varios centenares de operadores xurídicos están a desenvolver unha actividade galeguizadora incesante.
É de salientar o exemplo do notario Victorino Gutiérrez Aller, quen por defecto realizaba os protocolos notariais en galego. Grazas ao seu tesón 17.000 títulos de propiedade como consecuencia da Concentración Parcelaria da comarca do Deza están escritos en galego co significado que iso ten para as familias que posúen tales documentos acreditativos das respectivas propiedades. A Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña ditou a primeira sentenza en lingua galega despois de cinco séculos de proscrición, sendo maxistrado relator Claudio Móvilla Álvarez. Tamén é de obrigado recoñecemento a actividade galeguizadora do maxistrado Daniel García Ramos.
O maxistrado que máis sentenzas leva ditadas é, sen ningunha dúbida, Xosé Xoán Barreiro Prado, actual presidente da Sección 2ª da Audiencia Provincial de Pontevedra. Como formador de opositores creou unha auténtica escola de xuíces galeguistas. O exfiscal da Fiscalía Superior de Galicia, Carlos Varela García é, tamén, un exemplo a salientar. Durante os dez anos que exerceu a xefatura da institución foi un gran valedor da lingua galega naquela instancia xudicial. Ao carón deles están outros xuíces, xuizas e fiscais a faceren Patria. Un grupo numeroso de docentes das facultades de dereito e decenas de operadores xurídicos, fan outro tanto.
A Irmandade Xurídica Galega celebrará o próximo día 10 de xuño a XIV Asemblea no Salón Nobre de Fonseca cun amplo temario para repasar o labor realizado e transcendencia do mesmo na galeguización de ámbitos que noutrora semellaba imposible, e , ao tempo, achegar novas iniciativas implementadoras. Velaí están os acordos adoptados polas asesorías xurídicas de tres deputacións e de moitos concellos que veñen de sumárense ao proceso coa particularidade de que ademais solicitarán dos tribunais de xustiza que diten resolucións en lingua galega ao abeiro do amparo da Lei de Normalización Lingüística, que foi aprobada hai 40 anos polo Parlamento de Galicia. Precisamente no acto participarán o Presidente desta institución, Camilo Nogueira, un dos parlamentarios sobrevivintes que fixeron posible tal iniciativa lexislativa e o Reitor da USC.