Bacelos de Prata 2024

    XVI Edición premios Bacelos de Prata. Esposende (Ribadavia) 5.10.24

    Economía e identidade. Etiquetados en galego

    Un ano máis a adega do Pazo dos Ulloa foi o escenario para a celebración  dunha nova edición dos premios Bacelos de Prata convocados pola Asociación Álvaro das Casas, integrada no colectivo Galeguizar Galicia, para premiar a empresas do sector agroalimentario que utilizan a lingua galega na etiquetaxe e publicidade dos seus produtos.

    O acto estivo presidido polo Secretario Xeral da Lingua, D. Valentín García Gómez;  o Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, D. José Silvestre Balseiros Guinarte; o Alcalde do concello de Ribadavia, D. César Fernández Gil;  a Presidenta do Consello Regulador do Ribeiro, Dª Concepción Iglesias Pousa e o Presidente da Asociación Álvaro das Casas, D. Avelino Muleiro García. 

    D. Avelino Muleiro no seu discurso de apertura do acto reivindicou a importancia da lingua galega como vehículo principal a través do que se transmiten os costumes, se consolidan as crenzas e se crean valores que reforzan a sociedade porque a través do uso da lingua as persoas perciben o mundo e a identidade que se constrúe a través das experiencias sociais, porque cada palabra ten un significado e cada significado ten vida de seu.  

    Eduardo Bravo da ADEGA PAZO LALÓN, S.L.  que estivo acompañado polo seu irmán e socio Tomás Bravo, recolleu o premio recordando ao seu pai que foi o que iniciou o proxecto da adega apostando pola recuperación de castes autóctonas para facer viños coa identidade e tradición vitícola do Ribeiro. 

    Alex Moure en representación da empresa KALEKÓI, acompañado pola súa muller Susana Aguiar, agradeceu o premio suliñando ter un ADN 100% galego porque son fillos de gandeiros e a súa volta ao rural para facerse cargo da gandeiría familiar foi un reto que asumiron coa certeza de que o uso da lingua galega reforzaría a calidade e a identidade dos produtos que elaboran. 

    Gran cantidade de público ateigou a adega do Pazo dos Ulloa entre os que se encontraban representantes institucionais como a alcaldesa de Cenlle, o alcalde de Leiro, o alcalde de Beade, o tenente de alcalde do concello do Carballiño, a eurodiputada Dª. Carmen Leyte e o  Xefe territorial da consellería de Medio rural en Ourense. 

    María do Ceo, xunto con José e Alex Salgado, puxeron a nota musical ao acto interpretando varias cancións do seu amplo repertorio. 

    Previous articleBacelos de Prata 2023