Celebrouse a festa para agasallarmos cos Bacelos de Prata a dúas marcas comerciais consolidadas nos mercados, Amorodo e Vermutería de Galicia. Ambas as dúas levan ben tempo comercializándose e con gran proxección fóra das nosas fronteiras. No caso do Vermú St.Petroni, esta marca pódese atopar en moitos países europeos, mesmo no italiano, berce dos vermús. Amorodo, unha empresa de conservas vexetais ten abondo prestixio no sector, comercializándose tamén alén das nosas fronteitas. Unha e outra, son empresas radicadas no rural galego, onde tan necesarias son as políticas de fixación de poboación que dean emprego e eviten os fluxos migratorios do rural cara ás cidades ou fóra das nosas lindes. O curioso das empresas premiadas é que son dirixidas por dúas mulleres, un dato moi importante para evidenciarmos o papel da muller emprendedora.
O presidente do Consello Regulador do Ribeiro, José Manuel Casares; o presidente da Asociación Álvaro das Casas, Avelino Muleiro, entidade convocante e Xosé Carballido, coordinador da Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros, tiveron cadansúa intervención complementarias nas que amosaron a importancia do mantemento do noso sector agroalimentario e a incorporación da lingua galega na etiquetaxe dos produtos elaborados.
Na mesma dirección apuntou o discurso do Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, bo coñecedor do sector vitivínicola, que tivo palabras de louvanza para os premios Bacelos de Prata e a Asociación Álvaro das Casas, que desde hai doce anos veñen estimulando un proceso crecente de galeguización dos produtos de elaboración agroalimentaria.