Bacelos de Prata 2011

    Ben deitamos de termos constancia, ilusión e obxectivos para acadar maiores cotas de normalización lingüística. A VIII edición da entrega dos Premios Bacelos de Prata así o demostra.  O acto da entrega destes galardóns celebrouse na Adega do Pazo dos Ulloa, en Esposende-Ribadavia. Presidiron a cerimonia don Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria; don Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia; don Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno en Ourense, D. Anxo Collarte, Primeiro Tenente de alcalde do Concello de Ribadavia e D. Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas.  A adega, ateigada de xentes e personalidades relevantes da vida universitaria, empresa e institucións culturais, foi un foro de iniciativa e recuperación da galeguidade. A Coral de Leiro, dirixida por D. Celso Domínguez, membro da asociación, amenizou o acto con cancións galegas e rematou coa interpretación do Himno Galego que tódolos asistentes acompañaron.

    Este ano os premiados foron dúas pequenas adegas da zona, a  Adega de Dª. Elisa Collarte e á Adega de D. Alfredo Alvarado Pires, ámbolos dous premiados o foron pola súa contribución á divulgación da lingua galega na etiquetaxe dos seus viños da denominación de orixe Ribeiro.

    O presidente da Asociación, Avelino Muleiro, no seu discurso louvou os méritos dos galardoados pola calidade dos viños. Rendeu merecida homenaxe ás víctimas da colza e do metílico protagonizada por empresarios sen escrúpulos, guiados únicamente polo afán de amasaren diñeiro sen importarlles a saúde dos consumidores, algo que por sorte hoxe non pasa neste sector. As novas formas  de elaboración e a maior esixencia dos mercados son unha garantía para un consumo responsable.


    Sendo as 12.30 horas do día 9 de abril de 2011 reúnense, no Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia, os membros do xurado da VIII edición dos  premios BACELOS DE PRATA,  D. Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas, D. Benigno Campos Melón, cociñeiro no programa da TVG Larpeiros; D. Xosé Lois González Vázquez (O Carrabouxo); Dª Maribel Gómez Soriano, enóloga; D. Emilio Docampo Diéguez, propietario Adega Casal de Paula -premiado edición anterior-; D. Xosé González Martínez, Presidente do Foro Peinador; D. Cándido Vázquez Mosquera, membro da Asociación Álvaro das Casas e actuando de Secretaria Dª Carme Pérez Vaquero, Secretaria da Asociación Álvaro das Casas quen logo de deliberaren sobre as propostas presentadas, acordan conceder os PREMIOS BACELOS DE PRATA nesta nova edición a:

    A ADEGA DE COLLEITEIRO ELISA COLLARTE BERNÁRDEZ, da denominación de orixe Ribeiro,  pola utilización da lingua galega desde hai moitos anos, na etiquetaxe e publicidade  da súas marcas CORDÓN DE SANTO ANDRÉ (branco) de variedades autóctonas, treixadura, godello, albariño e loureira e ELISA COLLARTE (tinto) elaborado principalmente con  variedade mencia e con crianza de 6 meses en barrica,  viños de  recoñecida calidade e prestixio;  polo seu compromiso na aposta de utilización do noso idioma como sinal de identidade e garantia da  orixe que vincula ao produto coa terra. Considera  o xurado que a lingua galega empregada na etiqueta reforza a denominación de orixe dun país cunha cultura de seu.

    A ADEGA DE COLLEITEIRO, ALFREDO ALVARADO PIRES, da denominación de orixe Ribeiro,  pola utilización da lingua galega desde hai moitos anos na etiquetaxe do seu viño ACINUS elaborado coas castes autóctonas treixadura, loureira e albariño, viño de calidade contrastada e  pola aposta persoal no interese de identificar o seu viño coa lingua de orixe. Considera o xurado que o orgullo co que aposta por un viño de calidade, en galego, é fundamental para espallar a riqueza da nosa lingua e cultura.

    Previous articleBacelos de Prata 2010
    Next articleBacelos de Prata 2013