Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) ten as súas oríxes en 1982, dous anos antes da súa constitución formal, en 1984. Un grupo de funcionarios e funcionarias de administración local e da Xunta de Galicia, empezou a traballar na galeguización dos procedementos administrativos. A finalidade era a defensa e promoción da lingua galega no territorio de Galicia, especialmente no ámbito das Administracións públicas e nese marco de actuación traballou desde o inicio da súa existencia.
O Estatuto de Autonomía de Galicia servía de cobertura legal para desenvolver unha actividade que topenexaba cun ordenamento xurídico anterior no tempo, esgrimida constantemente polos funcionarios públicos, impedindo que as expectativas galeguizadoras manifestadas nos programas políticos se puidese concretar. As inercias xogaban na nosa contra. Malia estas resistencias, as corporacións locais democráticas foron fundamentais para estender a lingua galega nos usos xurídicos.
A Asemblea de concellos celebrada no Hostal dos Reis Católicos en Compostela en maio de 1984 aprobou un decálogo (a Declaración do Hostal) que recollía as orientacións básicas para normalizar a lingua galega nas administracións locais. Logo virían os cursos de lingua galega para funcionarios e funcionarias; a elaboración de vocabularios e formularios de procedemento administrativo, a implantación de servizos de normalización lingüística nos concellos e demais institucións públicas; as ordenanzas reguladoras do uso da lingua galega; a Lei de normalización lingüística; a normalización dos formularios notariais e procedementos xudiciais, etc… ao labor insistente e de permanente traballo da AFNLG débense en gran medida todos eses logros.
Para levar a cabo este inxente traballo a AFNLG promoveu e promove actividades, publicacións, cursos, conferencias, xornadas, etc. colaborando con entidades públicas e privadas fundamentalmente no territorio da Comunidade Autónoma, sen prexuizo doutros que se poidan levar a cabo con outras entidades fóra do noso territorio.