XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega reitera o compromiso coa defensa da lingua galega nos procedementos xurídicos
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2024
No emblemático Salón Nobre de Fonseca, celebrouse a XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega (IXUGA).A convocatoria deste ano destacou especialmente polo firme compromiso dos novos membros coa defensa e promoción da lingua galega nos procedementos xurídicos.
Durante o acto, D. Alberte Xullo Rodríguez Feixoo foi recoñecido como Irmandiño de Honra pola súa destacada traxectoria profesional en galego. Recibiu un diploma acreditativo e a insignia de ouro da IXUGA, subliñando o seu exemplo de compromiso coa lingua e a cultura galegas.
A Asemblea Xeral tamén marcou a incorporación de 16 novos membros, entre avogados, xuíces, fiscais, unha secretaria de administración local e unha notaria. Estes novos irmandiños e irmandiñas comprometéronse publicamente a exercer as súas profesións en lingua galega, reforzando así a súa dedicación á preservación e promoción do idioma galego no ámbito xurídico. Para simbolizar este compromiso, recibiron un escudo da IXUGA para colocar nas súas togas, unha insignia de prata e un diploma de pertenza a esta rede de profesionais do dereito.
A cerimonia estivo presidida polo Reitor da USC, D. Antonio López Díaz; o presidente da Irmandade Xurídica Galega, D. Xoaquín Monteagudo Romero; o maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Galicia, D. Luís Villares Naveira; o Fiscal da Fiscalía Superior de Galicia, D. Carlos Varela García; o Presidente da Sala Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, D. Xosé Xoán Barreiro Prado; a avogada e membro da Irmandade Xurídica, Dna. Maruxa Monteagudo Romero e a Avogada do Estado en Galicia, Dna. Consuelo Castro Rey, quen ata hai uns días desenvolvía a súa actividade profesional como Avogada Xeral do Estado. Na súa intervención salientou o labor do colectivo de avogados, historiadores, etc. na defensa da causa de devolución dos bens expoliados pola familia Franco subliñando a importancia da xustiza e da protección do patrimonio cultural galego facendo un relatorio pormenorizado de como se produxeron os feitos que deron lugar á demanda e posterior sentenza favorable á devolución do Pazo de Meirás.
O Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez, acompañou a D. Alberte Xullo Rodríguez Feixoo no seu nomeamento como irmandiño de honra, resaltando o papel fundamental que xoga a Irmandade Xurídica Galega no compromiso coa defensa e promoción da lingua galega e o patrimonio cultural do país.