X Asemblea ISAGA

    Homenaxe ao Doutor Carlos Guitián: Unha xornada de recordo e compromiso coa lingua galega.

    O pasado sábado, 15 de xuño, Ourense acolleu un emotivo acto de homenaxe ao doutor Carlos Guitián, unha figura senlleira na defensa da lingua e cultura galegas. Ás 11:30 horas, fronte ao número 59 da Avenida da Habana, onde Guitián residiu durante moitos anos, tivo lugar a colocación dunha placa conmemorativa en honor ao médico galeguista.

    O evento contou coa presenza do Presidente do Parlamento de Galicia, D. Miguel Santalices e da Coordinadora da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), Dª. Flora Miranda. Tamén asistiron as fillas e familiares do homenaxeado, membros da ISAGA e numerosas persoas que quixeron render tributo a súa memoria. A placa de bronce colocada na fachada do edificio recordará para sempre ao doutor Carlos Guitián, que fixo da causa de Galicia e da defensa do idioma galego o cerne da súa vida.

    A continuación, no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, celebrouse a X Asemblea da Irmandade da Sanidade Galega. O evento congregou un nutrido público, entre os que se contaban moitos dos actuais membros da ISAGA. Durante a asemblea, proxectouse un video homenaxeando a figura do doutor Guitián, destacando a súa traxectoria e o seu compromiso coa identidade galega. Ademais, diversas intervencións lembraron a súa dedicación e paixón por Galicia.

    Os novos membros da Irmandade aproveitaron a ocasión para manifestar publicamente o seu compromiso de desenvolver o seu labor no ámbito da sanidade en galego, nunha demostración de continuidade coa causa que defendeu Guitián. As súas palabras, cheas de entusiasmo e determinación, puxeron un broche de ouro a unha xornada cargada de emocións e simbolismo.

    O Presidente do Parlamento de Galicia, D. Miguel Santalices, pechou o acto cun discurso que destacou a importancia de figuras como a do doutor Carlos Guitián na historia de Galicia, nomeadamente de Ourense. As súas palabras apelaron á necesidade de que as novas xeracións continúen traballando e apostando por un futuro próspero para a lingua e cultura galegas.

    A homenaxe ao doutor Carlos Guitián non só serviu para lembrar a súa figura, senón tamén para reforzar o compromiso de todos os asistentes coa defensa da identidade galega e a promoción do uso do galego na sanidade. Un acto cheo de lembranzas que deixou patente a vixencia do legado de Guitián e a forza da comunidade defensora do galego na sanidade.  

    Previous articleEmbutidos Lalinense Celebra o Día da Galeguidade Empresarial en Lalín
    Next articleXV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega