VII Asemblea da Irmandade Xurídica galega

    A Irmandade Xurídica Galega celebrou o pasado día 24 a súa VII asemblea.

    O acto tivo lugar no fermosísimo paraninfo do Instituto Otero Pedrayo de Ourense, que rexistrou un cheo total. Seguindo o ritual establecido para estas asembleas falou o presidente da Irmandade, Xoaquín Monteagudo Romero, cun discurso no que non faltaron referencias la tradición xurídica galega e ás eivas que hoxe tollen o proceso de normalización lingüística no ámbito xudicial, salientando o sistema informático utilizado nas oficinas xudiciais “Minerva” que impide o uso da lingua galega.

    No decurso da asemblea procedeuse á toma de promesa dos novos irmandiños e irmandiñas que totalizaron a cífra de dezaseis. Todos eles pronunciaron publicamente a fórmula pola que se comprometen a utilizar a lingua galega nas súas actividades profesionais. Con estas novas incorporacións a Irmandade Xurídica Galega incrementa o número de afiliados a cáseque douscentos entre os que se encontran maxistrados e maxistradas, xuíces e xuizas, avogados e avogadas, procuradores e procuradoras, secretarios xudiciais, comisarios do C.N.P., policías locais, graduados sociais, funcionarios xudicais, etc…

    Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia, na súa intervención instou á Xunta de Galicia a ensaiar o modelo de xulgados plenamente galeguizados -un por provincia- habida conta do número de xuíces que xa están en condicións de capitanear tales experiencias piloto.

    Entregáronse as insignias de ouro da Irmandade a título póstumo a D. Amadeo Varela Rodríguez e ao Decano do Colexio de avogados de Ourense.

    O profesor Ricardo Gurriarán Rodríguez foi o encargado de facer a louva do homenaxeado deste ano, que foi o avogado Amadeo Varela Rodríguez.

    D. AMADEO VARELA RODRÍGUEZ, UN XURISTA DE LEI

    Os plans de estudos nas nosas facultades de dereito non inclúen un temario dedicado ao coñecemento da tradición xurídica galega. Os titulados por estes centros académicos son descoñecedores da numerosa galería de xuristas que tivo Galicia en todos os tempos; pero sobre todo, nos dous séculos que nos precederon. Esta lagoa informativa deshumaniza aos profesionais do dereito e fainos reféns da ignorancia, que nos máis dos casos, deriva nunha irresponsable conduta de desprezo pola historia que leva parella a falta de autoestima persoal e a minusvaloración da nosa tradición xurídica.

    A Irmandade Xurídica Galega ten insistido moitas veces na superación destA eiva facendo fincapé na necesidade de incorporar aos curriculos académicos determinado número de horas lectivas nas que se aleccione ao alumnado nas fontes dese coñecemento. Semellante proposta fíxose estensiva ás escolas de prácticas xurídicas e outros centros de formación profesional tan decisivos como a Escola Xudicial na que se preparan os futuros xuíces.

    A historia de Galicia, sen irmos moito atrás no tempo, contabiliza unha nómina de xuristas de primeiro nivel. Amadeo Varela Rodríguez é unha figura senlleira que cómpre rescatar do esquecemento, porque sen ela sería imposible comprender determinados feitos históricos de gran magnitude do noso país.

    Amadeo Varela representa o humanismo, a constancia na loita pola preservación do noso patrimonio cultural e lingüístico. Velaí porque a Irmandade Xurídica Galega lle rendeu postreira homenaxe, como xa fixo anteriormente con outros xuristas.

    Somos un país no que unicamente son louvados con honores desmedidos os poetas e novelistas. Velaí o erro que hai que corrixir.

    A conciencia colectiva dun pobo fórxase coa pluridisciplinariedade. Xa que logo, os profesionais do dereito que en Galicia axudaron a trenzar a nosa identidade son merecentes tamén de ser coñecidos e recoñecidos.

    VII Asemblea da Irmandade Xurídica galega: Amadeo Varela e a tradición xurídica galega
    VII ASEMBLEA DA IRMANDADE XURÍDICA GALEGA: AMADEO VARELA E A TRADICIÓN XURÍDICA GALEGA
    Previous articleENCONTRO FORO PEINADOR E REAL ACADEMIA GALEGA
    Next articleO GALEGO, UN VALOR EN ALZA

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here