O pasado 5 de abril celebrouse en Lalín unha emotiva homenaxe en memoria do notario Victorino Gutiérrez Aller, cofundador da Irmandade Xurídica Galega e destacado impulsor do uso do galego no ámbito xurídico.
O acto contou coa presenza de autoridades locais, representantes institucionais, asociacións culturais e sociais, así como familiares e amigos que quixeron expresar recoñecemento e gratitude á súa figura.
A avogada lalinense e membro da Irmandade Xurídica Galega, Manuela Sobrido, foi a encargada de moderar o encontro no que interviron destacadas personalidades .
Carlos Varela García, fiscal da Fiscalía Superior de Galicia e membro da Irmandade, destacou o papel fundamental de Victorino Gutiérrez Aller como fedatario público e o seu incansable traballo na defensa e promoción da lingua galega.
Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega, salientou o compromiso constante de Victorino Gutiérrez para converter o galego na lingua habitual dos documentos e protocolos notariais.
Valentín García Gómez, Secretario xeral da lingua, puxo en valor a traxectoria profesional e persoal de Victorino Gutiérrez Aller, subliñando o seu firme compromiso coa difusión e consolidación do galego no ámbito xurídico.
O seu fillo Victorino Gutiérrez, avogado e membro da Irmandade Xurídica Galega, agradeceu en nome da familia a emotiva homenaxe realizada ao seu pai.
Pechou o acto o alcalde de Lalín, José Crespo, recalcando a importancia de honrar a persoas que como Victorino Gutiérrez Aller, traballaron intensamente para que o galego sexa unha lingua de futuro.
Unha placa colocada diante do antigo despacho profesional do homenaxeado, na rúa Principal de Lalín, lembrará permanentemente a súa entrega e dedicación na defensa do noso idioma.