Onte, a parroquia de Sanguiñeda, no concello de Mos, acolleu un emotivo acto de restauración da memoria lingüística en homenaxe a Dª. María Jesús Herrero, Susi, do Grupo Malvela, substituindo a súa lápida en castelán por outra en galego, e colocando tamén unha placa na entrada do camposanto en memoria de todos os que alí xacen, destacando a súa contribución á continuidade da lingua e cultura galegas.
Preto de 100 persoas ateigaron a igrexa de Santa María de Sanguiñeda nun acto repleto de emoción e música. Eva Martínez como mantedora do acto foi dando paso as diversas intervencións de palabra como actuacións musicais.
Carme Vaquero, representante da Asociación de Funcionarios/as pola Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG), subliñou a necesidade de que os espazos de memoria reflictan a identidade cultural e lingüística da sociedade galega.
Rosani, filla de María Jesús, expresou o seu agradecemento en nome da familia, lembrando que a súa nai “ainda tiña moito que cantar”.
O párroco José Antonio Eiró destacou a necesidade de non esquecer os recordos, enfatizando o papel fundamental que a cultura e a lingua xogan nas nosas vidas.
Valentín García Gómez, Secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, resaltou a relevancia de preservar a lingua galega, especialmente nos momentos de despedida, afirmando que os espazos de memoria deben servir como reflexo da identidade dun pobo que se sente orgulloso da súa lingua e da súa cultura.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, comprometeuse a que actos como este se celebren anualmente en diferentes parroquias do concello, subliñando a necesidade de defender a identidade colectiva.
O evento, que se encadra dentro da campaña da AFNLG “En galego, agora e sempre” foi unha chamada á reflexión sobre a importancia de manter viva a cultura e a lingua galegas porque é a única maneira de que haxa unha plena normalización da lingua na sociedade. No acto entregouselle a cada asistente unha Acta de Vontades, para que conforme un dos documentos da familia solicitando que os seus actos de pasamento se realicen en galego.
O Grupo Malvela, con Uxía Senlle, honrou a memoria de Susi a través da música e o canto, e Grupo Xistra de Coruxo sumouse tamén a este tributo ás cantareiras e pandereteiras creando un ambiente festivo en recordo dunha muller que viviu e sentiu a Galicia no seu corazón.
Actos como este reflicten a rica tradición cultural galega e a importancia de manter viva a nosa lingua para as futuras xeracións en todos os ámbitos e espazos da vida.