RECUPERANDO A MEMORIA

    O día parecía que non ía acompañar para desenvolver un acto no adro da Igrexa de San Xoán de Randín, nas altas terras das montañas ourensás.  Ameazaba choiva pero mesmo así moitas persoas achegáronse para acompañarmos nun acto de reivindicación da identidade e memoria de feitos que conforman a historia dun pobo.

    Se hoxe a nova dun accidente aéreo é portada de todos os medios informativos e ponos en alerta pola repercusión que iso supón, como sería a reacción das xentes destes lugares  cando sucedeu a traxedia  no 1944?

    Porque no alto da Pena Monteagudo, nun frio mes de febreiro de hai máis de 70 anos, sucedeu algo que para moitos dos maiores e rapaces daqueles tempos modificou a súa maneira de contar historias ás xeracións seguintes.

    Por iso, desde a Asociación de Amigos do Couto Mixto reivindicamos a memoria, polo que supuxo de extraordinario nestas esquecidas aldeas do territorio galego-portugués, deixando constancia da contribución xenerosa dos veciños e veciñas da parroquia que fixeron posible o traslado das vítimas do accidente ata ese cemiterio parroquial coa colocación dunha placa de bronce conmemorativa que foi posible grazas ao apoio económico da Xunta de Galicia.

    Xosé González Martínez, Presidente do colectivo Galeguizar Galicia,  xerador de opinión e dinamizador cultural que ten entregado a súa vida á defensa da lingua e da cultura, faloulles aos veciños e veciñas da necesidade de actos coma este para recuperar a historia dun pobo.

    Luís García Mañá, presidente da asociación Amigos do Couto Mixto que entre os seus libros ten un precisamente que fala deste suceso, fixo unha disertación chea de emoción e contido.

    Mª do Ceo, unha muller que canta a Galicia e Portugal cunha música que enlaza as súas palabras cos sentimentos máis profundos destes territorios, acompañada sempre polos seu músicos Xosé e Alex Salgado, cantou para todos unhas emotivas cancións.

    Foi un acto sinxelo pero cheo de emoción que pretendeu unicamente resaltar e recuperar a história duns territorios arraianos que merecen a atención e o agarimo de todos nós para non perderse no esquecemento.

    Previous articleEn galego agora e sempre – Salceda de Caselas
    Next articleLUÍS SOTO. DISCURSO PARA UN PAÍS