O día 8 de marzo de 2003, nun escenario que non foi casual e por cortesía do seu actual propietario, D. Cándido Vázquez -membro da asociación- que puxo a disposición da asociación a adega do Pazo para convertila en paraninfo da galeguidade, levouse a cabo o acto de presentación da Asociación Álvaro das Casas coincidindo coa data do pasamento deste intelectual galeguista que segundo o seu biógrafo, o profesor Luís Alonso Girgado, foi unha das máis relevantes figuras desa xeración prodixiosa que logrou levar Galicia nos anos trinta do século XX a cotas de concienciación e dignificación nunca antes alcanzadas.
Colocouse unha placa conmemorativa na fachada principal do Pazo dos Ulloa, en lembranza da súa memoria, e houbo un parlamento de intervencións sobre a súa faceta de intelectual e dinamizador cultural.
A presidencia do acto estivo conformada polo Sr Presidente da Deputación Provincial de Ourense, Don Xosé Luís Baltar; por don Xosé González Martínez, Presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, que é a entidade que promoveu e animou a celebración deste acto; por don Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas; por don Eduardo López Pereira, Director Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, en representación do Excmo. Sr. Conselleiro de Educación; por don Xabier Cobas Martínez, Vicerrector de relacións institucionais da Universidade de Vigo e por don Xosé Pérez Iglesias, Alcalde de Ribadavia.
Acompañaron o acto moitas personalidades da cultura galega entre as que cabe destacar ao profesor Luís Alonso Girgado, especialista na pescuda e investigación e a Dª. Dolores Arxóns, do Instituto Virxe do Mar de Noia, onde exerceu o seu maxisterio D. Álvaro das Casas e que se ten preocupado do coñecemento da súa vida e obra; D. Avelino Pousa Antelo; D. Clodio González Pérez; D. Xosé Benito Reza; D. Xosé Carlos Sierra; D. Carlos Varela García; D. Luís García Mañá; D. Xesús Ferro Ruibal, etc…
Don Álvaro das Casas foi impulsor de moitas iniciativas culturais entre as que cómpre salientar a creación da Asociación de Escritores de Galicia no ano 1934.Como continuador daquela feliz iniciativa existen en Galicia dúas asociacións de escritores e foi o profesor don Modesto Hermida García quen representou no acto ao Pen-Clube.
A Asociación Álvaro das Casas, que inicia neste ano a súa andaina, quere que o lume que avivou no seu día don Álvaro das Casas non morra e neste acto nomeou Conselleiros Honoríficos da asociación a dous dos seus preclaros discípulos: Don Xaime Illa Couto, Don Francisco Fernández del Riego.