O intelectual Arturo Noguerol

    O intelectual ourensán Arturo Noguerol Buján foi un descoñecido deica o ano 2003 malia ter sido un dos rexos valedores do labor da Xeración Nós.

    Grazas á Fundación Lois Peña Novo que no ano 2005 promoveu  a publicación da súa biografía, un documental  a colocación dunha placa coa súa efixie e infinidade de artigos nos medios de comunicación galegos, rescatouse do esquecemento o seu inxente labor intelectual e activismo político desenvolvido no primeiro terzo do século XX que foi tronzado polo seu asasinato no  1936.

    O pasado 31 de xaneiro o  concello repuxo a placa que fóra substraida do edificio no que o avogado Arturo Noguerol tivera o seu despacho profesional situado na rúa Padre Feijoó.

    Moitas persoas participaron  na recuperación da memoria histórica de tan insigne personaxe.  Antes de retirar a bandeira galega que cubría a placa de bronce realizada polo escultor José Molares, louvaron a memoria de Arturo Noguerol, o seu fillo Pedro, que agradeceu a homenaxe; Dª Aúrea Soto, concelleira de urbanismo do concello de Ourense, D. Miguel González Trigás, membros da Irmandade Xurídica Galega e D. Francisco Rodríguez Fernández, alcalde da cidade.

    A continuación no Centro Cultural da Deputación Provincial presentouse a obra “Ética e Estética de Arturo Noguerol” de D. Fernando Román. Amais do alcalde de Ourense, participaron no acto de presentación do libro, D. Carlos Varela García, Fiscal Superior  de Galicia, D. Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da Irmandade Xurídica Galega e D. Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística quen salientou o labor de Arturo Noguerol Buján, como home da administración local que traballou arreo a prol do galeguismo e da promoción da lingua propia de Galicia, destacando a importancia da xeración a que pertenceu e que marcou un paso adiante no traballo conxunto pola lingua e na vontade compartida de garantir un futuro sólido para o idioma galego.

    Previous articleChantada, polo dereito
    Next articleEn galego desde os palcos

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here