LUÍS SOTO. DISCURSO PARA UN PAÍS

    No auditorio Ilduara de Celanova iniciouse, ás 12:15 horas da mañá do sábado 18 de setembro, a  homenaxe a Luís Soto Fernández coa proxección do documental “Luís Soto. Discurso para un país”.  Entre o público asistente unha gran representación da familia Soto coa ausencia do seu fillo residente en México.

    Entre os asistentes o Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez representando á Xunta de Galicia que apoiou economicamente a realización do documental e o busto de bronce para a recuperación dunha figura senlleira do galeguismo e da cultura do país indicando “que o goberno galego con estes actos recupera a memoria dun home honesto e xusto que loitou en tempos nada doados por Galicia, pola súa identidade e pola cultura galega desde moitas frontes” .

    O concello estivo representado polo alcalde, D. Antonio Puga quen prestou unha colaboración decisiva para que os actos celebrados poideran levarse a cabo con bo fin,  colaborando coa pedra e a colocación do monumento na praza maior de Vilanova dos infantes.

    Xosé Luís Méndez Ferrín, amigo persoal de Luís Soto participou no documental e estivo presente nos actos e con voz emocionada diante da efixie de Luís Soto recordou a súa vida e A entrega permanente que tivo con Galicia “nunca pensei que Luís Soto poidera estar na Vilanova que tanto quería permanentemente. Uns actos que recuperan a un home que loitou pola dignificación do noso pobo”. Tamén na súa intervención tivo palabras de recordo para a primeira compañeira de Luís Soto así como para o fillo de ambos que morreu sendo un neno.

    Xosé González Martínez, Presidente da Fundación Lois Peña Novo, entidade que promoveu estes actos e amigo persoal de Luís Soto,  recordou os encontros con Luís e as viaxes a Vilanova e Celanova  cando regresaba de México para ver a súa nai.

    Con estes actos de recordo e xusta reivindicación dun home que entregou a súa vida a dignificación de Galicia como pobo con identidade propia, pechase unha arela que a Fundación Lois Peña Novo tiña de vello.

    Luís Soto foi un mestre, un escolante -como el mesmo dicía- comprometido coa educación e a xustiza social nuns tempos convulsos que o levaron a estar lonxe da súa amada terra durante máis de 20 anos; Un activista cultural que co seu esforzo sacou a luz a mellor publicación monolingüe editada na diáspora, a revista VIEIROS, pero sobre todo foi un político de profundas convicións que fixo posible a creación dunha formación que vertebrou a conciencia nacional do pobo galego.

    Xusta é a homenaxe na súa memoria.

    Previous articleRECUPERANDO A MEMORIA
    Next articleHomenaxe ao xurista D. Alfonso Álvarez Gándara