O día 2 de xullo -sábado- celebrouse no salón de plenos da Deputación provincial de Pontevedra a IV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega.
No decurso da mesma os novos integrantes da IXUGA asinaron publicamente o seu compromiso de continuar realizando a súa actividade profesional en galegoou iniciala a partir dese momento. Entre os 23 novos irmandiños e irmandiñas hai un bo número de maxistrados, xuíces, fiscais, avogados, procuradores e persoal da Administración de Xustiza que sumados aos doutros anos ascenden xa á considerable cifra de máis de cen membros. D. Carlos Varela García, Fiscal Superior de Xustiza louvou a figura de don Santiago Torres Bernárdez, xuíz da Corte Internacional de Xustiza, quen recibíu a insignia de ouro da Irmandade. Don Xosé A. Gómez Segade, catedrático da USC e membro da IXUGA, pronunciou un emotivo discurso lembrando as bondades profesionais e culturais de don Fermín Bouza Brey, ao que respondeu o fillo do homenaxeado, o catedrático Fermín Bouza Álvarez.
Entre a numerosa asistencia cabe destacar aos decanos dos colexios oficiais de avogados de A Coruña, Vigo e do Colexio de Procuradores de Santiago de Compostela, ademais do Alcalde de Pontevedra, Secretario Xeral de Política Lingüística e a deputada provincial dona Begoña Estévez quen foi a encargada de pechar o acto.