Dentro dos actos que a Irmandade Xurídica Galega promoveu no entorno da celebración da súa IV Asemblea, levouse a cabo unha homenaxe ao maxistrado don Fermín Bouza Brey.
O día 29 de xuño de 2011 erixíuse un monumento na praza que leva o seu nome na cidade de Pontevedra, a carón do edificio dos xulgados, na Parda. A obra, da autoría do escultor José Molares, representa un busto do maxistrado homenaxeado cunha placa conmemorativa onde se fan constar as colaboracións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Concello de Pontevedra, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Dirección Xeral de Xustiza, sobre unha peana de granito feita pola Escola de Canteiros.
D. Xosé Luís Franco Grande, académico da Real Academia Galega e escritor, louvou a figura de don Fermín Bouza Brey. O Alcalde da cidade, D. Miguel Anxo Lores, o Presidente da Irmandade Xurídica Galega, D. Xoaquín Monteagudo Romero; o Secretario xeral de Política Lingüística, D. Anxo Lorenzo tamén participaron no emotivo acto. A Deputación Provincial de Pontevedra estivo representada pola súa deputada Dª. Begoña Estévez.