A Deputación Provincial de Pontevedra acolleu un acto de galeguismo empresarial onde participaron representantes de numerosas empresas de diversos sectores económicos de Galicia: NAVANTIA, REPSOL, GADISA, BIOGA (Cluster do sector biotecnolóxico de Galicia), ACLUNAGA (Cluster do sector naval en Galicia), SEGURIDADE A1, ITELSIS, MYCOGALICIA, SYNGENTA, AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias), TRAGSA, CELTIC ESTORES, PROGANDO, ARUMIA, ASIME (Asociación Industrias do Metal), AQUALIA, ABANCA, VERMUTERÍA DE GALICIA, VITICULTORES MARTÍN CÓDAX, LEITE NOSO, SL, EMBUTIDOS LALINENSE, COOPERATIVA HOXE SAT, CAIXA RURAL GALEGA, MOMBUS, INELSA, EDITORIAL KALANDRAKA, MIGALLAS TEATRO, PONTEVEDRA VIVA, ADEGA PAZO LALÓN, ADEGA BUEZAS, ADEGA P&L, IBÉRICA DE PAVIMENTOS BLANDOS, SL (IPAVI), CONSERVAS A CASTREXA, entre outros.
O acto foi presidido por D. Luís López Diéguez, Presidente da Deputación de Pontevedra; D. Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; D. Agustín Reguera Ocampo, Delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra; D. Manuel Pérez Álvarez, Presidente do Consello Económico e Social de Galicia e D. Xosé González Martínez, Presidente do Foro Enrique Peinador. A secretaria do Foro Enrique Peinador, Dª. Carme Vaquero, agradeceu a presenza dos moitos empresarios e empresarias, facendo énfase na importancia de que o galego se converta en símbolo non só de identidade, senón tamén de dinamismo e competitividade no ámbito empresarial.
O video Galeguismo empresarial: economía e identidade fixo un percorrido a través da historia do uso do galego no mundo da empresa, presentando experiencias reais de empresarios e empresarias que integran a lingua galega na súa actividade e rematando coa visión institucional do Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra.
Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador referíuse as moitas maneiras que existen de contribuir á galeguización do pais insistindo na necesidade do discurso entre a economía e a identidade asegurando que o Foro Peinador basea a súa estratexia de traballo no fomento e uso da lingua galega para contribuir á cohesión social impulsando un desenvolvemento económico sostible, porque a galeguidade empresarial non é unha moda senón unha necesidade urxente para asegurar o noso futuro como país.
Dna. Isabel Carro Garrote, representante de NAVANTIA, falou sobre os pasos que está a dar a empresa cara á galeguización, subliñando que a defensa da lingua galega é un compromiso permanente e constante, destacando a importancia de que as empresas se sintan parte dun territorio usando a lingua como un activo que as fortaleza.
D. Pedro González Boquete, director executivo de LEITE NOSO, SL, ofreceu unha perspectiva sobre como a lingua galega é un elemento diferenciador clave na comercialización dos produtos galegos. Sinalou que a marca DELEITE, etiquetada na súa totalidade en galego, dirixíndose así tanto á poboación local como á estatal non só contribúe á preservación da cultura, senón que proporciona un valor engadido aos produtos.
A Declaración de Pontevedra, un relatorio que contén principios e compromisos para promover a galeguización empresarial, foi asinada polo Foro Enrique Peinador, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra, convidando a todas as empresas presentes a participar activamente na súa implementación.
D. Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia agradeceu a asistencia de tantos empresarios e empresarias, recordando que a administración autonómica está comprometida co Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia hai agora 20 anos invitando a todos e todas a colaborar na redacción dun novo Plan que reflicta as singularidades e necesidades dos tempos actuais.
D. Luís López Diéguez, Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra pechou o acto, reafirmando o compromiso do organismo provincial coa protección, normalización e difusión da lingua galega en todas as áreas do sector socioeconómico, subliñando que a promoción do galego non é só un deber cultural, senón unha aposta estratéxica para o futuro económico de Galicia, animando as empresas presentes a integrar o galego nas súas prácticas habituais.