GALEGO CON LEITE

    Presentouse en Pontevedra unha campaña ben curiosa que a Cooperativa Feiraco, conxuntamente coa Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Foro Peinador, quixeron levar a cabo dentro dos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas dedicados neste ano á exaltación da figura do intelectual pontevedrés D. José Filgueira Valverde.
    Un millón de envases de leite foron producidos pola cooperativa para inundar o mercado durante o mes de maio chegando ós fogares galegos e españois dándolle a oportunidade ós consumidores de familiarizarse coa lingua galega e co escritor homenaxeado.
    O académico da Real Academia Galega, D. Xesús Ferro Ruibal, suliñou a importancia desta campaña porque vén demostrar unha vez máis que a etiquetaxe en lingua galega reforza as oríxes dos produtos.
    O presidente do Foro Peinador, D. Xosé González Martínez celebrou que esta cooperativa galega aproveitase a Festa das Letras para divulgar, dunha maneira ben singular, o noso idioma nos envases do leite, insistindo na necesidade de galeguizar a economía e a oferta positiva dos produtos galegos como garantía de orixe e marca de distinción.
    O fillo do homenaxeado, D. Fernando Filgueira, tivo palabras de agradecemento para os organizadores e recordou a figura do seu pai suliñando que estaría encantado de participar nesta iniciativa.
    O presidente de Feirado, D. José Montes, explicou as razóns polas que a empresa que dirixe quixo estar presente nos mercados galego e fóraneo, achegándolle deste xeito ós consumidores un produto tan fundamental na alimentación como é o leite.
    O Secretario Xeral de Política Lingüística D. Valentín García Gómez, manifestou tamén os parabéns por un feito que no futuro ha ter máis seguidores.
    A Deputada provincial de cultura, Dna. Ana Isabel Vázquez Reboredo, agradeceu a presentación desta campaña por variadas razóns, porque o homenaxeado era da cidade e o seu recordo e legado cultural permanecerán para sempre en Pontevedra.

    Previous articleAs raíces da lingua
    Next articleVIII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here