En galego agora e sempre – Salceda de Caselas

    No cemiterio parroquial de San Xurxo, en Salceda de Caselas, o Concello e a Asociación  de Funcionarios para a Normalización Lingüística celebraron un acto de reivindicación  da memoria lingüística de todas as persoas que cando viviron tiveron a lingua galega como propia e agora a súa memoria gárdase noutra.

    Ramón Cabanillas, escribíu uns acertados versos que nos serviron para darlle nome a esta campaña de galeguización dos cemiterios e actos fúnebres. Din así: Galicia! Nai e Señora,/ sempre agarimosa e forte;/ preto e lexos; onte, agora,/ mañán… na vida e na morte!,¡Xuremos!/ Dereito ou torto,/ sin máis alcuño ni achego,/ doente ou san, vivo ou morto,/ gallego… ¡soio gallego!»

    Recorremos a esta mensaxe poética de Cabanillas para chegarmos con  ela a todos aqueles que adoitan recorrer ao poeta cambades para darlle afouteza ao seu discurso nacionalista. Mais unha cousa é o recitado poético e outra ben distinta seguir os seus ditados.

    Os cemiterios son a expresión da contradición cultural deste país de noso. Chamamos ao galeguismo integral. Por esta razón, porque o galego debe estar en todas as ordes da vida, convocamos actos de afirmación  galeguista nos camposantos, na “parroquia dos mortos”, onde os que en vida falaron  galego,despois de mortos perpetúase a súa memoria nun idioma que endexamais falaron.

    Só unha de cada mil lápidas está escrita en galego. E só un 2% das esquelas que se publican nos medios de comunicación están en galego.

    É tempo de restituir a memoria lingüística, cambiando as lápidas indebidamente colocadas en castelán por outras en galego.

    Previous articleDÍA DA GALEGUIDADE EMPRESARIAL – BIOGA
    Next articleRECUPERANDO A MEMORIA