Un acto máis da campaña En Galego, agora e sempre celebrouse na parroquia do Lérez, en Pontevedra, en colaboracion co concello da cidade, a Deputación de Pontevedra, a asociación Cedofeita e a Xunta de Galicia, nomeadamente a Secretaría Xeral da Lingua.
Xaime Iglesias, biógrafo de José Silvent, puxo en relevancia a figura de Barriga Verde e a importancia do seu espectáculo en galego.
Anxo García, dramaturgo e estudoso da obra de Barriga Verde explicou como éste abriu camiño ás futuras xeracións de titiriteiros galegos.
O presidente da asociación de veciños de Cerponzóns recordou a figura de Barriga Verde e anunciou a celebración dun novo acto de restauración da memoria lingüística na súa parroquia.
Anxo Chamosa, de Forcarei participou no acto recordando a figura de José Silvent desde unha óptica distinta.
Alfonso Grande, de Parderrubias (Ourense), deu testemuña da necesidade de realizar actos coma esta porque os galegos e galegas teñen dereito a vivir e morrer na súa lingua.
Mari, neta de José Silvent, agradeceu emocionada en nome da familia, a homenaxe ao seu avó.
María Xosé Abelleira, concelleira do BNG, participou no acto en representacion do concello de Pontevedra que colaborou na súa celebración.
O Secretario Xeral da Lingua, Valentín Garcia Gómez, fundamentou a súa intervención na necesidade de normalizar a lingua galega tamén no entorno da memoria e lembranza dos nosos seres queridos.
Os Cantareiros do Lérez, puxeron a nota musical no acto porque falar de memoria e lembranza dos nosos seres queridos non ten que ser algo triste.
Restaurar a memoria lingüística das persoas que están soterradas nos camposantos pasa por substituir as lápidas que están en castelán por outras en galego para recordo daquelas persoas que viviron, traballaron, falaron e amaron durante toda a súa vida na nosa lingua. Con esa finalidade quedaron colocadas unha placa xeral na entrada en memoria de todos os que xacen alí porque grazas a eles Galicia segue a ter lingua e cultura de seu e outra na sepultura de José Silvent e a súa dona.